20150731

Algún comentario a un par de notas do concello de Ribadeo

Onte a web do concello engadiu un par de notas ó seu haber. Unha, de defensa de críticas por non ter representación na 'presentación' da concesión de patrimonio da humanidade ó Camiño Norte, e outra, de protección ante a falta de protección do novo parque infantil que manifesta un estudo encargado polo PSOE. Coido que o tratamento de ambas debe ser abondo diverxente.
En ambos casos, as novas son máis en relación coa defensa de actuacións do equipo de goberno que de información ós cidadáns sobre o goberno, e moito menos aínda, de implicación ou participación dos cidadáns nese goberno que é noso, algo que non é a primeira vez que sae no blog.
No primeiro caso estimo que se o alcalde non quere ir a un acto protocolario montado para aplaudir determinada acción que aínda que implica a Ribadeo ten pouco que ver relativamente ós actos do concello, pois ben. De calquera xeito, sei que hai persoas que ao protocolo (a determinados actos, en particular) danlle unha relevancia diferente. Iso mesmo sábeo tamén o alcalde, e entón comeza a xustificar o que (estimo) non tería necesidade. E faino co ironía, sabendo a debilidade do tratamento do goberno da Xunta con Ribadeo en aspectos relacionados co camiño e tamén con outros que non teñen nada que ver, pero que son populares e sabidos no pobo, como o medio millón de euros non recibidos da xunta para a residencia de anciáns. razoamentos lóxicos, pero que por innecesarios ou alonxados do feito concreto que se estaba a tratar, a non asistencia ós aplausos a Feijóo, poden ser xulgados de diferente maneira e ser inefectivos.
Captura da cabeceira dunha nova do Concello

No segundo caso, a nota é completamente diferente, sen ironía ante algo que faría posible que se volvera na súa contra. O informe encargado polo 'POSE' (aparece en diversos lugares como cliente con esa denominación) a Strowpi (a ligazón leva á única presenza na rede, unha única páxina-pantalla) está dispoñible na web do PSOE ribadense e é convinte darlle unha ollada. A ollada leva a considerar como se fan as cousas (pequenos detalles a criticar sempre hai, pero o informe ten boa pinta...) e a base da crítica do PSOE. Precisamente o que chama a atención na nota de prensa do concello é que a documentación non contrapoña documentación: a nota da alcaldía (é do concello, pero coido que se pode dicir tranquilamente 'da alcaldía') di que se fixeron xa intervencións antes de que o PSOE o dixera, pero non ofrece para elo máis que a palabra do alcalde. Tenta dicilo ademais no contexto de que a obra foi recibida e as observacións fixéronse posteriormente, o que en tal caso deixa a pregunta de por que se deu por recibida a obra e se puxo en funcionamento o parque infantil (outro día, haberá que deixar unha reportaxe gráfica do avance das obras). Asemade, tenta diminuír a importancia das correccióna a facer, nomeando "moitas das normas sobre as que se basean non son de obrigado cumprimento, son recomendacións, en todo caso nós queremos, que  sempre que sexan algo positivo que redunde na calidade do servizo, telas en conta". Unha técnica que esquece precisamente a parte máis importante do informe, as de obrigado cumprimento, defectos que se non contei mal, sobrepasan ás leves, segundo as indicacións do propio informe: hai máis non conformidades, "No Conformidad (NC); aquellas deficiencias cuya subsanación es imprescindible para la concesión  de  la  Declaración  de  Conformidad  por  representar  un  riesgo  evidente  para  los  usuarios" que "Desviaciones  (DESV.); aspectos  que,  aun  no  entrañando  riesgo  grave  para  el  menor,  deben  ser  corregidos". Así, aínda pasando por alto a condescendencia final para apuntarse un tanto coas palmadiñas ó contrincante, a lectura da nota debe ser fortemente matizada, e deixar en evidencia, de novo, unha falta de disposición de información cara ós administrados, aínda en cousas tan pequenas como a visualización documental desas accións previas á intervención do PSOE que di que existiron.

Ningún comentario: