20150711

Crónica do Ribadeo indianizado

Antes de gustar dun arroz á cubana tento deixar unhas breves liñas a modo de crónica de época sobre o Ribadeo indianizado. Ribadeo indiano, concebido como festa de época, exitosa como calquera pode ver (e para ver, achegarse a Ribadeo, que o espírito aínda non é trasladable de xeito electrónico, do mesmo xeito que non o era hai un século ou máis). Ribadeo indianizado, caracterizado de época indiana no eixo comercial da vila. Sen ir máis lonxe, onte venres á noite, os indianos trasladados concentrábanse nas catro calles e as súas ás estendidas dende o parque en plena actuación musical a cargo da escola de música de Ribadeo, ata o cine-teatro pola outra beira. Máis aló, mesmo nun San Roque preparado para hoxe ser mercado e actuación musical, os indianos diluíanse nunha nada compensatoria do bulicio do centro, desaparecendo na parte vella máis aló da zona hostaleira ou nos bloques da nova.
Bandeiríns preparados para a festa recibían e reciben ós caracterizados indianos, cunha vestimenta que podería ser actual clásica, que senta e asenta nas persoas e as traslada de xeito lixeiro a unha época de abundancia, éxito e amplitude de miras que da o comercio, as viaxes, a industria.
Traxes impolutos, non feitos para manchar, senón para portar un corpo que manifesta éxito coa alegría de vivir, dan á festa indiana un carácter clásico educado e modélico. Non é un entroido, non se trata de adoptar un alter ego, senón de adaptarse a outra mentalidade que se entrevé e se deixa entrever nos comportamentos da xente. Un fluír de contactos entre persoas que teñen que comunicar: unha vida enteira nas américas, cos seus traballos e os seus éxitos, dan para moito, contrapoñéndoa coa mesma vida enteira, en Galicia, cos seus traballos es o seu devir diario.
Sería perdoable o esquecemento desa alta porcentaxe de emigrantes que non puideron voltar cun aire de satisfacción se perdurara na mentalidade dun pobo orientado ó sector servizos, ó servizo, ese emprendimento, visión e traballo que encarna a imaxe do americano retornado.
Non sei se será así, se a idea se traspasará ou quedará nun disfrazarse fino aproveitable pola hostalería local. Para o último xa sabemos que non hai problema, o éxito é visible. Para o primeiro, veremos.

Ningún comentario: