20150716

De Ribadeo a Grecia, pasando por Madrid

Onte Votouse o rescate en Grecia. Tamén en Madrid, o rescate de Grecia será votado. Resulta curioso que se vote unha axuda relativamente pequena a Grecia para escenificar que nos debe cartos, que estamos todos implicados, que eses cartos son nosos, e que hai unha diferencia fundamental con Grecia: nós deixamos, eles piden; e así, poder xustificar unha política de apertar unha volta máis a Grecia, mal pagadora, cando o rescate ós bancos significou para España abondos máis cartos, unha orde de magnitude máis, e non foi preguntado a ninguén. Que se lle esixa a Grecia o pago e que o deixado ós bancos xa se de por perdido. O que se deixará a Grecia anda polos 200 €, algo máis por cada Español. O que se perdeu nos bancos pasa de longo os 1000 € n(xa non falo do que se lles prestou), e non boto contas máis precisas porque pasa o mesmo que con outras débedas: ninguén sabe exactamente o monto total.
Sinatura de Mario Draghi, de User:Ssolbergj — Traballo persoal. CC BY-SA 3.0 via Wikimedia Commons - https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Mario_Draghi_signature.svg#/media/File:Mario_Draghi_signature.svg

E, mentres se vota unha axuda a Grecia que será para os bancos acredores (sobre todo alemáns, pero tamén algún español) e se distrae a vista de problemas internos, o sector lácteo galego tamén vai de viaxe, a Santiago, acogotado xa non polos prezos senón pola falta de recollida de leite dun día para outro nunha actividade na que non se pode dicir ás vacas 'non produzades!' ou 'a producir!' dun día para outro. Pódense facer lecturas e interpretacións de cousas como que haxa autobuses gratuítos ou que o alcalde arengue á asistencia á manifestación de Santiago, ou que se lembren abusos coa cota láctea. Pódese, pero mentres, todo un piar da economía galega vense embaixo desprotexido fronte á grande distribución e ás empresas de tratamento de leite, despois de ser transferido o sector, pode dicirse que en bloque, á propiedade fóra de Galicia, a decisións fóra de Galicia, a decisións fóra do control ou mesmo a relación cos gandeiros galegos. Non é raro, senón lóxico, que xurda unha pregunta: canto tardaremos en estar coma os gregos?

Ningún comentario: