20150710

Indianos, de José Mª Rodríguez

Cortopego dende o blog de José Mª Rodríguez:
- E logo pra onde vas tan á présa, Xan, ¿Tes algo de novo?, preguntoulle Xan ó veciño vendo pasar con paso apurado cara a vila, vestido de traxe novo e sombreiro.
- Non, oh. E que me vou pra América, respondeulle o veciño.
- Manda carallo, e eu en zocas, comentou Xan polo baixiño.
Unha pequena anécdota que amosa que marchar pra América en tempos pasados formaba parte da rutina diaria na vida da xente en Galicia. A partir do seu descubrimento por Colón foi o impulso patriótico e aventureiro dos españois o que motivou a súa marcha masiva ás Indias, recentemente descubertas. Estimulados polas lendas e xestas dos primeiros emigrantes, enseguida se desatou o desprazamento masivo dunha avalancha de aventureiros e cobizosos que emprenderon o camiño da aventura cara a terras afastadas e descoñecidas en busca de ouro, riquezas e novas oportunidades político militares. Eran os primeiros tempos do descubrimento de América que, coa chegada a España de tanta riqueza traída polos primeiros colonizadores, contribuíu ó nacemento do Século de Ouro e á expansión do chamado Imperio Español. Pro a esta gloriosa época de desenvolvemento e riqueza seguiron outras nas que o noso país se atopou afundido na pobreza e na miseria. Tempos como os dos sécalos XVIII e XIX nos que a fame se estendeu por toda Galicia, como se reflicte nunha acta plenaria do Concello de Ribadeo, do ano 1739, na que se di que “algunos labradores se vieron obligados a comer hierba”. Un dato que, sen ter que interpretalo literalmente, é dabondo demostrativo da miseria económica na que a sociedade galega vivía. Épocas nas que a necesidade e o espírito de supervivencia empurrou a moitos españois, especialmente en Galicia, a marchar a facer as Américas, como vulgarmente se dicía, e a atravesar o Atlántico pra buscar o seu futuro en terras iberoamericanas, como Brasil, Cuba, Arxentina, Uruguai, Chile, Venezuela ou México. Ata tal punto afectou ó noso país esta masiva emigración que pode dicirse que non hai familia en Galicia que non sufrise o impacto da emigración con algúns dos seus antepasados en América, especialmente nos séculos XIX e XX.
Homes e mulleres que, empurrados pola necesidade de supervivencia e pra mellorar a economía familiar, deixaron os seus pobos para fuxir da fame, marchando cunha vella maleta na man, chea de esperanzas, ilusións e recordos. Moitos deles acadaron riqueza e prosperidade en ultramar, se ben non todos tiveron a mesma fortuna. Pro aínda que foron moitos os que, co seu esforzo e traballo, e axudados pola sorte, lograron amasar verdadeiras fortunas tras das que se agochaban, ás veces, duras e escuras historias, a maior parte dos que marcharon non atoparon mellor destino en América que a mesma pobreza da que fuxiran. Foron moitos os que se viron obligados a renunciar ós seus soños de poder tornar un día ricos á súa terra natal á que uns volveron coas mans baleiras, mentres que outros fundaron a súa familia nesas terras, deixando aquí os seus antepasados.
Os poucos que lograron amasar coas súas industrias ou negocios grandes fortunas, cuxa limpeza de orixe era con frecuencia posta en cuestión polo pobo, decidiron volver anos máis tarde á súa terra de orixe convertidos en prestixiosos e ricos personaxes ós cales o pobo denominaba co nome de Indianos. Tal foi o caso de Bernardo de Guimarán, coñecido popularmente nesta vila de Ribadeo polo nome de "o Indiano". Fortunas que contribuíron a enaltecer non só as súas vidas, senón a fomentar a educación e o benestar das nosas xeracións posteriores e que aínda perduran hoxe no noso ámbito, sen que moitos se decaten de que son produto do froito da suor dos nosos devanceiros emigrantes.
O obxectivo do emigrante era retornar un día a súa terra natal pra ocupar un lugar sobresaínte no seu pobo de orixe e adquirir coa súa riqueza algún título de nobreza, aumentar o seu status social comprando ou restaurando antigas casas grandes ou pazos ou mesmo construíndoos de nova planta en vistoso e rechamante estilo colonial, decoradas con palmeiras e outras árbores tropicais exóticas nos seus xardíns, símbolo das súas aventuras en terras tropicais. Edificios que chegaron a ser coñecidos entre nosoutros co nome de "casas grandes" ou "casas de Indianos. Construcións que destacaban pola súa altura e traza, deseñadas cunha arquitectura cosmopolita que se insería destacando de forma rechamante entre as edificacións tradicionais circundantes, para salientar así o triunfo e o éxito do seu propietario en terras afastadas e onde retirarse a vivir das rendas acadadas cos seus negocios en América. Obras que serviron pra achegar ós habitantes da súa vila natal o mundo moderno e cosmopolita que coñeceran nas súas estadías na América e que souberon plasmar en edificios dunha arquitectura singular. Exemplos preclaros destes pazos existen en case tódolos pobos e aldeas de Galicia. En Ribadeo temos como exemplo eminente o famoso edificio coñecido polo nome de Torre dos Moreno ou o palacete Peñalba, na veciña Figueiras. O sinal máis destacado e relevante do emigrante con éxito foi a súa influencia social, o seu mecenado en institucións benéficas ou culturais subvencionando a construción de escolas, igrexas e capelas, casas consistoriais, estradas, hospitais ou asilos, traídas de auga e de luz eléctrica, etc., é dicir, todo o que significaba desenrolo, cultura e progreso para o seu pobo. Un exemplo notable da súa contribución ó desenvolvemento da nosa bisbarra foi a fundación Pedro Murias, en Vilaframil, adicada ó desenvolvemento agrícola, que tanta importancia tivo na formación de moitas xeracións posteriores da Mariña lucense.
Coa volta á súa terra natal, os indianos trouxeron os costumes de vida, os ritmos e músicas deses países e ata o estilo na súa forma de vestir das terras caribeñas, adquiridas nos seus países de emigración. Foi a herdanza achegada por eles ós seus lugares de orixe e da que Ribadeo, coa súa gran concentración de casas indianas, sobre todo na rúa San Roque, se comprace de ser o principal expoñente de toda Galicia cunha bela herdanza de edificios dunha arquitectura singular. Fermosos edificios de estilo colonial e entre os que destaca a Torre dos Moreno, admirada por todos os que visitan a nosa vila pola súa orixinalidade e beleza, e que chegou a constituírse no símbolo identificador da nosa vila de Ribadeo en todo o mundo.
E é de resaltar, así mesmo, o relevante papel dos emigrantes galegos no enxalzamento do noso país en terras de América. Coas súas iniciativas sociais e culturais foi relevante a súa contribución ó coñecemento de Galicia nesas terras tan afastadas entón. As creacións dos Círculos ou Casas de Galicia, as fundacións de Hospitais e Centros Sanitarios, os Círculos Culturais e demais creacións dirixidas á axuda, socorro e formación dos seus compatriotas emigrantes desempeñaron un rol social moi importante, contribuíndo, ó mesmo tempo, ó enxalzamento do nome da nosa terra, facendo a Galicia universal, ata o punto de que chamaban galego a calquera español. E non menos importante, tampouco, foi o papel desempeñado polos políticos e escritores galegos neses países, especialmente en Arxentina, México ou Cuba, cando, en tempos politicamente difíciles en España, tiveron que emigrar en busca de acollida e refuxio en terras afastadas. Alí loitaron con éxito pola conservación dos nosos dereitos como pobo, da nosa lingua e literatura, da nosa cultura e de todo o que en Galicia era perseguido coa pretensión de homologarnos a Castela.
De aí o acerto e a importancia desta festa indiana que os ribadenses de hoxe adican ó recordo de todos aqueles fillos de Ribadeo, que co seu traballo e esforzo, tanto contribuíron a enxalzar a beleza e o nome do seu pobo natal. Unha feliz idea a desta celebración que invita a tódolos ribadenses a participar nela. En converterse por un día en cabaleiros e damas que percorren as rúas da vila lucindo as súas mellores galas e atavíos característicos dos países do Caribe e recuperados dos vellos baúis traídos polos seus emigrantes devanceiros e que aínda dormen pechados nos faiados das súas vivendas. As señoras coa súa pel branquexada e lucindo os seus brancos traxes adornados con encaixes, os seus amplos sombreiros decorados con flores, os seus guantes e abanicos e as súas exóticas xoias resaltando a súa beleza. Os cabaleiros paseando polas rúas da vila coas súas levitas e traxes brancos folgados, os seus chalecos e guayaberas e os seus sombreiros panameños, cos seus guantes brancos empuñando cerimoniosos os seus bastóns.
E para rematar estas reflexións, un sentidiño recordo á memoria de tantos e tantos que viron frustrados os seus soños, esperanzas e ilusións e deixaron as súas vidas en terras estrañas despois de cruzar o Atlántico sen poder converter en realidade os seus anhelos e soños de retornar dignamente á súa terra para axudar ás súas familias e descansar os seus derradeiros días preto dos seus e enterrar os seus osos na terra na que naceran.

 Obras de José Mª Rodríguez

 

Ningún comentario: