20150727

O pobo e(n) festa

**Artigo escrito para a revista da parroquia, verán 2015**
Verán, máis luz, temperie máis agradable, máis alegría, festa! O pobo, a xente, o noso pobo, os pobos, énchense de festa. No caso de Ribadeo, a vila ten aumentado ás festas ditas relixiosas (por orde de achegamento á idea de Ribadeo, a patroa, San Roque, O Carme, Corpus...) outras máis turísticas, folclóricas, mercantís, como a nova dos indianos ou a xa vella (e cambiada dende a súa orixe) xira, ou mesmo actividades que non son declaradas como festas pero tentan achegarse a ese ambiente festivo de diversos xeitos, como a feira do libro e a súa animación de ambiente do pobo durante o seu transcurso.
A luz e o bo tempo ten elevado os ánimos das persoas de sempre. E cando se queren representar eses ánimos, aparece entón a luz. De aí a ligazón de moitas festas co solsticio de verán e máis aínda, de aí que na primavera, cos días máis amplos e luminosos, comece o ánimo de festa. Ánimo que acada o clímax cos eventos festeiros do verán, marcando un atraso en relación ás estacións astronómicas parello ao desfase que manteñen as temperaturas, que acadan o máximo anual a comezos de agosto.
Estamos no verán. Estamos en festa.
Tempo hai, a festa era patrimonio da relixión, máis aló da advocación santeira que a simbolizaba. Tiña algo de sagrado o dispor de bens en exceso durante un curto período, aínda que despois del viñeran as penalidades cotiáns. Algo herdado -ou non- doutros tempos anteriores nos que o ánimo de vivir concibíase relacionado con deuses máis mundanos, que intervirían no día a día das persoas e os seus problemas. Hoxe parece que volvemos a eses vellos tempos que non se foron nunca de todo.
As festas relixiosas teñen máis tradición, pero ó tempo que se desnaturalizan co espectáculo ou a diversión allea ó motivo da festa e que o substitúe, teñen que competir con outras novas, emerxentes, saídas hai pouco da imaxinación da xente. Aí a dos indianos, pero tamén outras moitas que tentan usar a lembranza do medievo, dos celtas, ou do que sexa, para crear ambiente e mover o comercio, e propiciar máis diversión, en competencia tamén cos medios tecnificados de hoxe en día ós que non lles é necesaria a idea de 'festa'. O sentido da festa está a mudar. Xa non é só o dispor dun algo -tempo, produtos que consumir- propio e apropiado ó perfil da festa, senón o facer fincapé na evasión do día a día, nunha certa emulación da transcendencia por uns momentos cheos con actividades con caducidade programada pero retomables de xeito máis ou menos continuado.
A Igrexa non ten o monopolio festeiro; é máis, está quedando en minoría na convocatoria festiva. Por iso debe imprimir a marca de calidade nas súas propias festas, que as distinga e as faga prosperar non só no tempo, senón de xeito moito máis profundo, nos corazóns. O pobo, a vila, estará en festa, pero será o pobo, a xente, o que sexa unha festa.
Antonio Gregorio Montes

Ningún comentario: