20150709

Os turistas poden, os de Ribadeo, non

A xente de a pé non protesta en Ribadeo. Sábeno por aí nas 'estruturas de poder', e por iso non pasa nada.
A raíz dunha nota de prensa de ACISA, que xa saíu reflectida por exemplo na Comarca do pasado fin de semana (4 de xullo) e que ven confirmada por exemplo nunha nota de prensa da Consellería de onte (8 de xullo), a cousa está clara: Os turistas teñen privilexios que non temos os ribadenses. Os que durmimos aquí todo o ano e nos desprazamos coma sempre non podemos acollernos ós pases que facilitan hoteis e transporte turístico para ver as Catedrais.
Non importa, parece ser, que haxa un plan, e sen modificación oficial, se incumpra deixando sobrepasar o número de visitantes establecido e que rixe na web https://ascatedrais.xunta.es (4812, número curioso sobre o que xa teño escoitado algunha cábala non menos curiosa sobre a súa orixe en relación coa data de nacemento dalgún político). Parece que había razóns para deixalo nun número (estrambótico ou non), pero non importa, xa é papel mollado: Pode entrar calquera cantidade de xente mentres sexa turista. Na primeira semana, do 1 ó 7 de xullo, non houbo ademais problema de aplicación: pasaron 'só' 13 011 turistas, cun pico de 2439 o sábado 4 (o que deixa 10 572 para os seis días restantes, cunha media de 1762 visitantes diarios para eses días, domingo incluído). Como dato extra, corto e pego un parágrafo da nota de prensa da Consellería: "En relación aos visitantes que accederon ao Monumento Natural acreditando ter pernoctado nalgún establecemento de Ribadeo, as cifras ascenden a un total de 526 persoas -129 no sábado 4 de xullo-. Estas persoas beneficiáronse dunha medida específica encamiñada a favorecer a economía local e promover un turismo sustentable". A cortapegada é debido ás últimas verbas: a medida de ampliación sen límite do aforo diario é favorecer a economía local e tamén promover un turismo sustentable. Mentira.
Hai uns días caeu diante dos meus ollos un artigo, preguntándose por que ía querer alguén responsable limitar o turismo. Deixando a unha beira os tópicos 'turistas fóra' que calquera pode ter visto en pintadas illadas dende xa hai anos, defendendo o enxebre porque si, coido que en Ribadeo cada vez ten máis sentido un repensar o turismo, ese ó que se ve abocado o pobo sen ter sido nunca declarado en relación a unha definición do Ribadeo que queremos. Que ninguén poña o berro xa no ar. Non se trata de botar ós turistas, senón de permitir vivir en Ribadeo sen ser asoballados en espazo, ruído, permisos de visita... Non se trata do uso da represión dunha nova lei que entendo ilegal e nociva, nin de ter que queixarse e facer presión porque o poder municipal deixa facer (o último caso difundido, en Foz hai uns días). Non, trátase de que a máis de turistas, hai veciños. Hai ribadenses que se ven afectados por máis cousas que as colas dos supermercados.

Ningún comentario: