20150825

Choque entre os veciños de Vilaosende e o bispado

Esta tempada está sendo testemuña doutro desencontro da igrexa-xerarquía coa Igrexa-comunidade en terreos de Ribadeo, a conto dun aluguer dunha casa en Vilaosende. Neste contexto, onte chegou á miña man un escrito relacionado co tema que está a ser difundido, que copio e publico asemade neste foro que é o blog.
"Outro mais. Os desencontros entre o Bispado de Mondoñedo e algúns colectivos diocesanos repítense un tras outro nos últimos tempos. Vellos hábitos, autocráticos, despectivos e descorteses ás veces, por parte dos eclesiásticos, máis propios da pasada época absolutista que da era da informática. Actuacións, nas que se utiliza o silencio despectivo como arma defensiva contra as queixas e reclamacións de certos colectivos de fieis, representados polas súas asociacións de veciños. Asociacións, cualificadas por algúns clérigos aos cales se lles parou o reloxo da historia, de estar integradas por xentes da "casca amarga", ou de ser madrigueiras de conspiracións "judeo-masónicas. Prácticas descorteses que evidencian un profundo contraste coas novas actitudes pastorais recomendadas polo papa Francisco. 
Recente aínda, e sen resolver, está o lamentable suceso do saqueo de diversos obxectos relixiosos de varias parroquias desta bisbarra da mariña oriental. Un suceso no que as denuncias e queixas dos fieis ó Bispado por estas subtraccións foron ignoradas e silenciadas inicialmente, impedindo así unha posible recuperación dos bens subtraídos. Deseguido, foron os feitos relativos ás alteracións realizadas na imaxe da Virxe María, patroa do santuario de Conforto. Intervencións que deron orixe ó cabreo da xente e ás enérxicas queixas e reclamacións ó Bispado por parte da Asociación de Veciños desa parroquia. Protestas, constantemente ignoradas, que provocaron un longo e anoxo desencontro, ata que, ao final, a mediación presencial do Bispo impuxo a cordura e o diálogo. E agora, nestes derradeiros días, a situación repítese co escrito da Asociación de Veciños de Vilaosende dirixido ao Bispado, no mes de marzo deste ano e contestado neste mes de agosto, interesándose polas causas do despedimento da inquilina da casa reitoral, veciña desa parroquia. Preguntas sobre unha actuación, - en cuxa valoración de legalidade aquí non se entra - ignoradas polo Bispado, e que, en contra do que os veciños pretendían, puxo eses feitos no coñecemento da opinión pública. Un despectivo silencio do bispado que motivou, no primeiro dos casos, as protestas públicas dos veciños das parroquias espoliadas, as queixas dos de Conforto, despois, e agora os reproches dos veciños de Vilaosende a os que se tardou cinco meses en contestar ás súas preguntas, e se fixo con evasións e mesmo distorsións da linguaxe que a ninguén convencen, como é o sentido da palabra “parroquia”. Pois, contra o que pensa o bispado, para os veciños a parroquia son eles, sen cuxa existencia este ente xurídico-eclesiástico, non existiría. Colectivos todos estes que agardaban do seu bispado as oportunas aclaracións e explicacións razoadas, tal como pedían, ás súas preguntas e queixas. Unha equivocada actuación por parte do Bispado que provocou o anoxo e o desgusto dos distintos actores que se viron envolvidos nestes sucesos. 
Tense a impresión de que certos responsables da igrexa diocesana - e como en todo, nisto tamén hai excepcións e distintos talantes - non superaron aínda aquela mentalidade medieval propia dunha Igrexa acostumada a exercer os privilexios feudais de dominio e poder absoluto sobre a xente. Séculos e séculos cultivando a cultura do monólogo dende o púlpito, deixaron en moitos dos seus responsables a súa pegada, incapacitándoos para escoitar e dialogar cos fieis, cuxo papel na Igrexa debe quedar reducido, segundo eles, á pasividade. Pero, eses tempos son xa pasados. E non volverán. 
Para a Igrexa impóñense actitudes de cambio, se non quere perder o tren da historia. Novas formas de relación entre os seus eclesiásticos, como servidores que son, e os fieis. Como Pedro e Pablo se someteron á Asemblea de Xerusalén, así os Bispos e demais responsables da Igrexa han de someterse ás asembleas dos fieis. Dar a cara diante do altar, e non parapetarse detrás del, disfrazados de senadores romanos."

Ningún comentario: