20150812

Edelmiro Bascuas, in memoriam, por J.Mª Rodríguez

Collido de http://cargadoiro.blogcindario.com/2015/08/00432-edelmiro-bascuas-lopez-eminente-investigador-de-hidronimia-calega.html
--
Edelmiro naceu en A Meda, concello de Castroverde (Lugo) o 15 de abril do ano 1931. Fixo estudos eclesiásticos no seminario de Mondoñedo, no que a súa traxectoria, sempre matizada pola súa senlleira humildade, foi sen dúbida sobresaínte, destacando como estudante moi brillante por riba dos seus compañeiros e mesmo de moitos dos seus profesores. Logo de ser nomeado profesor de grego e francés nese centro, desempeñouno durante uns anos con grande predicamento entre os seus alumnos, como quedou demostrado polos unánimes comentarios que del dixeron e escribiron moitos deles anos despois.  
     Graduado en Teoloxía na Universidade de Salamanca no ano 1957, pasou a licenciarse por libre en linguas clásicas na Universidade de Madrid no ano 1968. Logo pasou a exercer de catedrático de grego no ensino medio en Valencia e en dous Institutos de A Coruña. O día 10 de febreiro de 2011, e tras unha longa enfermidade que lle fixo interromper na páxina 71 o volume quinto que estaba escribindo pra dar ó prelo, faleceu na cidade de A Coruña. Foise coa mesma discreción que caracterizaba tódolos actos da súa vida: en silencio, sen molestar a ninguén.
      A figura de Edelmiro pode ser analizada dende moitos aspectos. Ós seus ex alumnos tócalles falar do Edelmiro, profesor admirable. Á Igrexa, do sacerdote cumpridor e exemplar no desempeño dos cargos que lle foron confiados. Ós lectores dos seus estudos sobre a hidronimia, dos seus profundos coñecementos e investigacións. Á súa familia, do marido agarimoso e pai modélico. Ós seus colegas no ensino, do compañeiro preceptor e pedagogo. Ós especialistas das ciencias onomásticas, da inmensa contribución ós estudos dá hidronímia e dá paleolingüística galega, das súas teses científicas e das súas investigacións.
       "Home universal do renacemento - escribe del un comentarista - do que a súa sabedoría quedou reflectida nas investigacións de toponimia, onomástica, historia antiga, arqueoloxía, xeografía, relixións prerromanas, documentación e literatura antiga e medieval, etc.”. “Home cunha extraordinaria cabeza e o corazón axeitado para tanta cabeza, - comenta Xosé Manuel Carballo - queríalle moito a esta súa terra, pero o seu querer non tiña cancelas. O seu afán investigador non lle impedíu amar intensamente á súa familia, a canto quixo antes de formala e a cantos tivemos a sorte de ser seus amigos”. “Sentía placer - engade unha persoa do seu ámbito familiar - en hablar e intercambiar ideas, estimular, en definitiva, a otros muchos interesados en este campo de estudio. Rara avis, ávida de sabiduría”.
      Foi na súa etapa de profesor de grego no Instituto “Ramón Menéndez Pidal”, de A Coruña, onde empezou a elaborar un ficheiro coas súas investigacións filolóxicas. Produto delas foron as súas conferencias e traballos sobre léxico e onomástica prelatinos e preindoeuropeos, pronunciadas en diversos e destacados foros e publicados en diversas revistas, galegas, españolas e internacionais, como, Veleia, Estudios Mindonienses
, Studi Celtici, Paleohispánica, Verba, etc. e a publicación, asemade, de tres obras monumentais sobre a hidronimia galega: Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, publicado no ano 2002, Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia, saído do prelo no ano 2006, e finalmente, Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega, publicada no ano 2015, xa despois do seu pasamento. Obras nas que vai escribindo o nome de centos e centos de pobos, vilares, regos e ríos, moitos deles fosilizados ou xa esquecidos. Publicacións tardías, resultado das súas pescudas, que comezou a dar ó prelo xa sexaxenario.
      Sabemos por confesión do propio Edelmiro que tiña intención de seguir con tres publicacións mais para completar e dar a coñecer os froitos de súas investigacións, recollidas nos seus cuantiosos ficheiros. Deixou inédita, ademais, unha colección de traballos breves, revisión doutros publicados previamente de maneira dispersa. A súa é unha obra monumental e pioneira no campo da paleohidronimia e da toponimia galegas, mais aínda pola seriedade, pola honradez crítica de investigación, sempre sometida a dúbida sen deixala imaxinación voar, práctica tan frecuente neste campo.
      Como escribiu, Manuel Rivas García, ex-alumno de Edelmiro no seminario de Mondoñedo,“estamos ante un personaxe e unha obra que merece figurar en letras grandes entre os máis esgrevios de Galicia”. Dino Pacio Lindín, amigo e compañeiro de docencia de Edelmiro, escribe del que “foi un xigante nun mundo pequeno. Home escasamente valorado por ese mundo pequeno no que empezou a formarse, foille denegada unha beca para facer a especialidade de grego. Un obxectivo que logrou ó aprobar os cursos de 3º, 4º e 5º de clásicas nunha soa viaxe a Madrid”. E engade que “foi pioneiro na paleohidronimia da toponimia galega e na busca da raíz da etimoloxía azarosa de miles de palabras galegas deducidas da hidronimia”.
      Foron moitas as persoas que acudiron a Edelmiro na procura de orientación, tanto no campo técnico da toponimia coma noutros moitos aspectos da vida, mesmo en asuntos privados, para algúns, transcendentais. Ninguén quedou defraudado. Sempre, dunha maneira ou doutra, soubo acoller e tender unha man amiga e poñer todo o esforzo en satisfacer as peticións de todos os que a el acudiron. Home cun sentido san do humor, grande e ameno conversador, gustaba do ocio asistindo a xuntanzas e compartindo mesa e conversa con amigos durante horas. Conversas nas que sempre predominaban sobre outros, temas de interese como a historia, a arte, a toponimia, etc.
      A súa humildade e sinxeleza, virtudes vividas por Edelmiro en grao eminente, espertaban sentimentos de afecto e admiración en todos os que tiveron a sorte de coñecelo e tratalo. Sempre sinxelo, sempre afectuoso e sempre disposto a axudar e a compartir os seus coñecementos con todos. A pregunta que se lle fixo nunha ocasión sobre por que non deran antes ó prelo os resultados das súas investigacións, manifestou a súa sensación - tal era o seu grado de humildade - de que os seus traballos non tiñan a importancia nin o mérito que se lles daba. Foi mais tarde, baixo a presión do seu amigo, Dino Pacio, profesor de Sociolingüística Histórica na Universidade do Estado de Nova York no baixo Manhattan, que se decidiu a iniciar e dar ó prelo o froito das súas investigacións.
      Pro, como di Dino Pacio nunha carta remitida para o homenaxe que se lle fixo a Edelmiro na Coruña, co gallo da publicación do segundo libro, recordando as palabras do poeta latino, Horacio: “Non omnis moriar; que traducido ó bo galego significa: Non!, non finarei de todo. Edelmiro sigue vivo no mundo da cultura e do noso corazón”.
      E, xa pra rematar, un recordo a quen, coa súa vida exemplar en tódolos eidos nos que traballou, como crego, como profesor e como cristián, coa súa adicación o servizo, ó traballo e ó estudo, deu honra ó nome do Seminario de Mondoñedo no que se formou e ensinou, ás diversas Institucións nas que exerceu a súa profesión e traballou, deixando en todas elas gratos recordos da súa labor e do seu paso por elas e da súa persoa. Que as súas publicacións non figuren nun lugar privilexiado da prestixiosa biblioteca do seminario é un erro imperdoable e unha vergoña. Pois, como ben di unha lenda que figura debaixo dun cadro que hai no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo, adicado a un dos seus fillos ilustres,  “quien a su pueblo honra, merece la honra del pueblo”, o seminario de Mondoñedo é debedor dun recoñecemento público a persoa de Edelmiro, como expoñente da calidade educadora deste centro de ensino ó que Edelmiro coa súa vida e obra tanta honra lle deu. E outro tanto cabería dicir das Universidades galegas pola inmensa contribución que, co seu traballo e investigación, fixo ó coñecemento da toponimia e da hidronimia galegas. Pro parece que a concesión do título de doctor honoris causa, do que era ben merecente Edelmiro, está reservado para premiar outros méritos, non tan nobles e mais materiais cos aportados por el a onomástica galega.

Ningún comentario: