RCNR, siglas xa algo usadas pero recén estreadas de xeito oficial, representan a denominación do club náutico ribadense, despois de tres anos de tramitacións e do si real.
Non me choca o nome, máis ben porque non presto moita atención á ostentación á que se adhire, pero recoñezo nel posibilidades de chanza, que brindo.
Unha é sobre a realidade. Realmente é de Ribadeo? Certo que as instalacións están en Ribadeo, e mesmo a directiva o é, pero habería que ver entre os socios como andan as porcentaxes, os cupos máis favorecidos potenciando amarres ou outras cuestións, como a consoancia coa sociedade ribadense (en conxunto, aclaro). claro que, en relación á textura social, dende que se pode canxear unha 'pequena' inversión en España por un permiso de residencia (de aí, ó pasaporte, voto e demais non sei se hai un paso, ou se é necesario dalo) pois tamén se poden considerar ribadenses dalgún xeito ás persoas relacionadas co club náutico, só por ter pagado a cota de entrada.
Outra sería sobre a realidade do club. Pouco se lembra xa/nestes momentos dos tempos nos que o CNR -Club náutico de Ribadeo daquela- era unha sociedade cosa disputas típicas de calquera asociación, antes de ser a casa dos desencontros aireados ó vento aproveitando a marea. Cantas das últimas Comarca -poñamos, os tres últimos meses- non traen novas da trifulca interna dunha institución que parece unha arma arroxadiza despois de significar un poder aproveitable?
Máis outra, non menos real: nun tempo no que se cuestiona a realeza, o que representa e a súa representación, resulta que o club xestiona a súa. É de supoñer que despois de ser aprobado o tema en asemblea, aló polo 2013. Pouco antes do Pequeno Nicolás, cando tivo as súas andainas preto das instalacións do club, e como alguén, non sospeitoso en principio de realismo, baixou complimentar / (complementar?) realmente, algo debéuselle pegar ó club para rematar o seu camiño real. Parece que polo momento o rei non veranea en Ribadeo, pero unha visitiña...
O RCNR é o de maior número de amarres en Galicia, e quere amplialos. Mantén e mantivo actividades que, máis o que representan os amarres, fan del unha forza económica e social de primeiro orde no pobo. Necesita, ó tempo que é acredor, de consideración e respecto. Comezando polos propios integrantes máis significados.
--
Algunhas (no todas) máis do CNR en ribadeando:
Candidaturas 2008: http://ribadeando.blogspot.com.es/2009/01/candidaturas-club-nutico.html
Torres eólicas: http://ribadeando.blogspot.com/2012/10/torres-no-clube-nautico.html
Moción de censura: http://ribadeando.blogspot.com/2009/12/dunha-e-outra-beira-da-ria-de-ribadeo.html
Sen confusión: http://ribadeando.blogspot.com/2009/12/sen-confusion-por-favor.html
Transgascogne: http://ribadeando.blogspot.com/2009/08/10-de-agosto-con-sol.html
Bar/terraza: http://ribadeando.blogspot.com/2009/12/por-porcillan-observando.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario