Que unha luz de esperanza se converta en novidade nestes difíciles
tempos nos que a sociedade parece que camiña para atrás como
cangrexo, e a cultura, a ética e a moralidade pública brillan pola
súa ausencia, é unha noticia digna dos mellores titulares.
E iso é o que se percibiu nas palabras pronunciadas pola Presidenta
da Deputación Provincial, con motivo da súa visita ás obras da
construción da nova residencia en Ribadeo
en días pasados. Un asomo de esperanza de cambio nas
actitudes ata agora mantidas polos políticos dos distintos partidos,
albíscase no horizonte. Unha sutil sensación de que algo se está a
mover nesta nova xeración de políticos saídos das urnas nas
últimas eleccións locais.
En contra do que se espera das palabras dun político ó uso
pronunciadas pola Presidenta, co gallo da súa visita a Ribadeo, e
nas que o dardo da competición política acostumaba a dispararse en
acusacións e reproches contra o opoñentes políticos, as palabras
pronunciadas por Elena
Candia nesa visita resoaron como un elemento balsámico
de concordia e colaboración con todos os actores políticos alí
presentes. Ofertas de colaboración, breves e claras, dirixidas á
consecución do benestar cidadán e á solución dos problemas da
xente, independentemente da cor política dos responsables implicados
e por riba dos intereses partidistas. "O cambio de goberno
na
Deputación
non
implicará a rotura coas actuacións
que repercuten no benestar
dás persoas
que mais o
necesitan", foron as súas palabras. Só nos resta esperar agora
que "do dito ó feito non haxa un gran treito", como con
frecuencia está a pasar cos seus afíns políticos do goberno da
Xunta. O
tempo diránolo.
O alcalde de Ribadeo,
pola súa banda, fixo gala do seu bo talante e educación política
nas súas palabras de benvida á Presidenta. Sen agochar, por iso, as
esixencias da axuda prometida pola Conselleira
de Benestar a construción da nova residencia, e que
tanto se fai demorar.
Pero non menos sorprendente e satisfactoria foi, tamén, a actitude e
comentarios dos compoñentes dos restantes partidos políticos,
presentes nese acto. Aínda que as súas palabras non resoaron ante
os micrófonos, as súas actitudes e comentarios privados na reunión
informal e distendida mantida despois entre todos, foi moi positiva.
Louvanzas alentadoras dunha nova actitude sobre a primacía do
servizo ós cidadán por riba do servilismo fronte ó partido.
Recoñecemento do exemplar camiño seguido a partir da iniciativa
popular pra acadar a construción da nova residencia, así como a
participación e colaboración de tódolos políticos locais de entón
na consecución deste obxectivo.
Un bo e prometedor augurio desta nova xeración de xoves actores da
política local que, de seguir nesta actitude e por este camiño, nos
pode deparar agradábeis sorpresas ás que non estabamos afeitos. Ata
agora, o que adoitaba primar na actividade da política local era,
salvo raras excepcións, unha encarnizada loita entre políticos
elexidos polo pobo para o seu servizo, pro que se adicaban a servir
os intereses dos seus partidos. Nas súas estratexias por conseguir o
poder o pobo non era outra cousa máis que un instrumento a utilizar
para os fins do seu partido e o seu propio beneficio persoal. Estamos
ante unha nova sensibilidade política? Ou trátase,acaso,dunha
utopía máis que nos levará a un amargo espertar?
Polo que toca á marcha das obras de construción da nova residencia,
dicir, finalmente, pra satisfacción de todos, que marchan ó ritmo
esperado e acordado.
José María Rodríguez Díaz, Vida socio-política en Ribadeo
Ningún comentario:
Publicar un comentario