20150922

De campos (artificiais) e sirios (naturais)

Diversidade. A diversidade fai o mundo máis rico, evidente.Tamén é evidente que a diversidade nas ideas leva producido, xunto con esa riqueza, unha morea de desastres ó non poñerse de acordo por ideas diferentes.
En Ribadeo, hoxe mesmo, pódese falar de sirios, a conta da proposta do concello, que se ten idea de que comezou co ofrecemento do polideportivo para pasar a requerimento de familias de acollida e con pouca resposta despois de facer notar que non había un plan detrás, á do campo de fútbol con herba artificial (por certo, xa sería o segundo, despois do do colexio público 'CEIP' Gregorio Sanz, algo que non se menciona), proposta polo grupo político do PP e só valorada, negativamente por cuestión de prioridades, por Cidadáns.
É evidente que cada quen ten unhas prioridades diferentes debido a gustos, crencias, estimación de oportunidade, etc. Parece lóxico que nun lugar como o a casa do Concello se actuase como un crisol, contando coa xente do concello. E situacións como as anteriores, sirios por unha beira e herba artificial por outra -á marxe do que eu poda pensar sobre cada caso-, manifestan que de crisol nada, pois ó máis que se chega moitas veces (hai honrosas excepcións, sexa por presión do pobo -caso residencia de anciáns-, concienciación ou por outras causas) é á toma de postura dende a propia visión. Coido que a postura pública de Marta Sáiz, lembrando o tema das prioridades, pode ser un primeiro paso en moitas discusións, pero non pode quedar aí, pois senón sería de novo só iso: discusións, non razonamento, nin aporte de ideas, nin entrada da xente no concello. Será que o desexo de inmediatez da resposta ás situacións, sexan ou non urxentes, se suma á incomodidade de lidiar con moitas posibilidades diferentes que da a pluralidade atendida. E iso fai que en troques de potenciar a participación máis ben se obvie a traverso da delegación nun voto cada catro anos, chámese o grupo correspondente asembleas abertas, popular, cidadán ou social.
Zona deportiva de Ribadeo: Campo de fútbol de herba artificial no Gregorio Sanz, parte superior esquerda. Á súa dereita, pavillón polideportivo novo. Case na punta dereita, pavillón polideportivo seminovo. Na parte inferior esquerda, campo de fútbol Pepe Barrera e piscina municipal de xestión privada. Sobre a grada do campo de fútbol, o pavillón polideportivo do Porta da Auga. Baixo o campo de fútbol de herba artificial, a pista cuberta do Gregorio Sanz.

Ningún comentario: