20150930

Do leite que se produce en Galicia: unha entrevista a José Ángel Salvatierra na revista Irimia

Onte, José Ángel Salvatierra, enxeñeiro técnico agrícola con ampla experiencia no agro galego e tamén coñecedor do sector en toda Europa, pasoume a revista Irimia co que coido é unha interesante entrevista que lle fixeron (fíxolla Daniel López). Velaieiquí:
"Os tractores na rúa foron portada, os prezos do leite caeron e as explotacións producindo á perda...
Isto dos tractores na rúa é cíclico en Galicia. E case sempre empezan na nosa Comunidade. Por una parte, porque aquí prodúcese aproximadamente o 45% do total estatal e hai máis de 9000 explotacións; por outra, cando veñen mal dadas, é a forma máis visible e máis fácil para mostrar o problema á opinión pública. Ata aquí todo ben, pero non é suficiente.
E pois...? Que marxe de intervención habería?
As Administracións non poden fixar un prezo mínimo para o leite. Isto sería contrario ás normas do libre mercado. Mesmo caeu niso a ministra española, dicindo que se o fixera Francia preguntarían a Bruxelas e que, se fose legal, tamén o farían aquí. A dúbida ofende na boca dunha ministra de agricultura. Xa non facía falta preguntar. O que fixo o ministro francés foi convocar ás partes, para que chegasen a ese acordo, e facer de animador, de árbitro e de testemuña, a través da comisión de seguimento, por se algunha das partes por separado rompe as regras escritas e asinadas. En Francia levan máis de vinte anos con contratos homologados en distintos sectores, non só no leite. Os prazos dos contratos son como mínimo dun ano, con cláusulas de corrección, segundo evolucione o mercado. Isto aquí nunca se fixo e estamos moi verdes.
Esa caída de prezos é resultado directo do final do sistema de cotas?
A situación á que se chegou nos prezos non é só polo final das cotas; xa ocorrera outras veces coas cotas en vigor, como nos anos 2007 e 2012, tamén con prezos por baixo dos custos de produción. Logo subiron de forma importante durante ano e medio e non se fixo nada, ata o 2012. Subida importante outros dous anos, e así chegamos ata agora. Desta vez si hai máis leite no mercado, tanto en España como en Europa. O corte de exportación a Rusia, polo bloqueo da UE, e o menor consumo de leite en pó de China, fixeron subir os excedentes.
Non se pode producir sen límite, como lles gusta facer os gandeiros galegos, que aumentaron moito a súa produción, xa desde antes de rematar as cotas, e máis aínda dende o dia 1 de abril. Aumentan as vacas por compra (máis carga gandeira), pero sen aumentar a terra; polo que se aumenta a compra de penso, máis alfalfa, mais, máis, comprando fóra da explotación, e se o prezo do leite baixa , volvemos ao círculo de perdas.
Aumentar a produción, non sempre leva a mellorar os beneficios. Bastantes veces diminuír o leite producido nunha granxa, trae melloras nas marxes netas. Ter un tanque grande e enchelo como sexa cada dous días, se os custos diso son altos, non vai levar directamente a ter una marxe neta mellor. Isto que parece fácil, a maioría dos produtores “intensivos” non o entenden.
Tes comentado reiteradamente que o sector lácteo galego é moi vulnerable. Por que? Que debilidades ten o “noso sistema”?
Aquí está a vulnerabilidade do sistema de produción de Galicia en xeral. É un sistema que se lle chama intensivo. De 3-3,5 unidades de gando maior –UGM- por Ha. Non porque todas as explotacións sexan pequenas en superficie. Hainas de máis de 40 e de 50 Has., pero deberían ter de 50-60 vacas, máis a reposición, e na realidade teñen de 100 a 150 vacas.
Por que?
Porque foi o que lles vendeu o “ sistema”, para ser grandes e competitivos...! Dicíanlles: “compra vacas, compra cota, amplía as cortes, cambia a sala de muxir, tractor máis grande e moderno, etc, etc”. Pero quen lle falaba de terra? Nalgunhas zonas escaseaba, pero xa non se pensaba nela. “Pon todo a millo”. Na maioría dos casos ese é o único cultivo. Comprar o que falte fóra: Penso, alfalfa, palla, raigrás secado, bagazo de cervexa, etc. O “sistema” véndelles todo isto. A semente do millo, os fertilizantes químicos , os fitosanitarios , o seme probado, as máquinas que eles non elixen, os “establos”, etc. “Pide un préstamo que o pagas fácil”...Pero quen lle facía un estudo de viabilidade? Se o prezo do leite se mantén a bo nivel ou sobe, todo vai funcionando. Pero se vai á baixa un período longo... E o que se vende baixa, pero o que se compra sobe ou mantense, e entramos no bucle.
Non sempre cambiar é mellorar...
Ollo. Non quero dicir con isto, que non se precise ir mellorando e actualizándose, pero con racionalidade e con números. Cousa que os gandeiros galegos nos lle gusta levar. Alguén ten unha corte para 40 vacas , e da noite para o día, decidir duplicar o número.
E pregúntaslle: “E a terra? Tamén a dobras?” “ Non, pero xa veremos se atopo algo”. Con esta alegría nas decisións coñezo cantidade de casos. E o problema é que non se aprende duns para outros e repítense erros. Salvo lixeiras excepcións, hai un sector de produtores con niveis moi baixos en formación. Non son quen de controlar os factores de produción e de manexo, nun sistema onde se move tanto diñeiro e de forma moi complexa, sen levar ningún tipo de contabilidade económica, nin programa técnico de manexo. Cando as marxes son amplas o sistema vai tirando. Pero cando se acurtan, o sistema rompe. E cando consultan aos “técnicos do sistema” que poden facer, que están perdendo cartos cada mes... Resposta: “hai que esperar que mellore o prezo do leite”.
Esas debilidades, quedan máis en evidencia se o comparamos co sistema francés ou bávaro?
Os produtores franceses e alemáns e, en xeral, os da UE, agás os portugueses do norte, que son aínda máis intensivos cós galegos ( será pola proximidade ou pola lingua), basean o seu sistema na base territorial, na terra. Sen terra non hai leite. Os franceses miman a terra. Non se pode traballar mollada, que se compacta. Evitan a erosión. Evitar, e se é posible, diminuír a utilización de herbicidas.
Isto lógrano con alternativa de cultivos. Por exemplo, o millo non volta á mesma parcela ata o quinto ano, que alternan con trigo, cebada, pradeira, colza, etc. Cultivos que consomen na granxa, para penso, e venden o sobrante, tendo ingresos, a maiores dos do leite. É un sistema de produción máis sostible, menos contaminante e moito menos dependente do mercado ou, ás veces, case nada das materias primas.
En Francia por exemplo, as terras no inverno, onde se cultivou millo, non poden quedar sen nada. Hai que sementar algo para evitar a erosión. Aínda que logo sexa para enterrar como abono verde.
Que poderiamos e deberiamos facer a partir do día seguinte de que os tractores volvan a casa?
Cando os tractores volvan para a terra, será preciso que os produtores senten a reflexionar. Coa cabeza descansada. Será preciso facelo tanto se conseguiron o que se propoñían, como se conseguiron tan só unha pequena parte, ou, poñámonos no peor dos casos, se o que se logrou os deixou defraudados.
Para os produtores galegos no ano 1987, o principal atranco que vían nun horizonte curto era o establecemento das cotas leiteiras, fixadas por Bruxelas, para frear os excedentes. Aquilo que ao principio se entendeu como un problema, logo se transformou nun elemento de estabilidade no mercado do leite. Non sen sacrificios para os gandeiros, pola necesidade de mercar cota. Outros non a mercaron, e conformáronse coas cantidades que lles regalaba a Administración, dos fondos que facía cos plans de abandono. No sistema de cotas a recollida estaba asegurada. Cousa que agora non o está.
Para moitos gandeiros galegos a data de 1 de abril do 2015, parecíalles una data liberadora, e que a partir de aí o camiño para vender leite sen o corsé do límite de producir, sería favorable para mellorar os ingresos e a rendibilidade da explotación, a base de producir máis litros. Por exemplo, os franceses sempre apostaron por un sistema de regulación do mercado. Agora mesmo teñen dous tipos de leite, tipo A, baseado na antiga cota, a un prezo acordado por contrato dun ano, e tipo B, a un prezo de leite en pó. Xa saben a que aterse se se pasan da cantidade A.
Despois das protestas hai que reflexionar e ver o camiño percorrido nos últimos 30 anos no sector do leite. Imos seguir así desestruturados, sen nexos?
Primeiro entre os produtores, constituíndo foros de debate periódicos e permanentes, a través de organizacións do tipo que sexa (asociados , sen asociar, cooperativas, técnicos , investigadores, etc), con mesas de traballo e, logo, asembleas, sobre os moitos problemas que ten o sector: falta de terra, sistema de produción, falta de incorporación de mozos/as, concentración ou permuta de fincas. Tamén transformación de produtos. Sabemos máis ou menos producir, pero non sabemos nin transformar nin, aínda menos, comercializar. Para iso hai que formarse e querer aprender, que é do que máis carece o sector, na miña modesta opinión. Non é só problema de prezo, que o é tamén. Pero hai outros.
Logo non hai que esquecer, as relacións coas industrias e as cooperativas de transformación, alí onde estean, como fan noutros países como Irlanda , Holanda ou Dinamarca. Non velas como inimigas, senón como posibles colaboradoras da cadea económica. Isto levará tempo. Pero creo que sería bo intentalo con unión, fe e perseverancia.
Anímoos a traballar nesta ou noutras liñas, de forma continuada, e non a volver cada un a súa casa, ...ata a próxima crise de prezos."

Ningún comentario: