20150909

Economía ou asalto

Esta tempada estamos vivindo na Mariña situacións que, por repetidas, non deixan de ser cada vez máis desastrosas e manifestación dunha tendencia que vai moito máis aló da nosa xeografía local. Poderían darse máis exemplos, pero hai dous que sobresaen, e non timidamente, sobre os demáis.
Un é o de Alcoa. Un ano máis, celebrouse a subasta enerxética que tivo (e ten) en vilo á planta. Calquera atento minimamente ás novas puido enterarse de que houbo unha rebaixa do 10%. Bravo! Non é abondo. Saíu peor parada que o ano pasado, en verbas de representantes empresariais. En que, como? Non hai información. Menor cantidade enerxética, vale. Custe? Non hai información. Non se sabe se vai haber continuidade, os traballadores, despois de presionar presionados pola empresa, seguen presionados pola empresa sen ter nin a oportunidade de presionar xa a ninguén. Ou si? Inmersos na sociedade, é a propia sociedade no seu conxunto a que actúa de refén, incluíndo as estruturas das que está dotada. E si, é certo que o sistema de cotas non parece a mellor posibilidade, e menos a unha empresa que necesita moita, moita enerxía, pero case seguro que o precio é abondo inferior ó que pagamos pola electricidade nas nosas casas, mesmo sen cota de conexión, a trampa que incrementa o prezo da electricidade ao través de aplicar as leis de consumo ó dereito de subministro. Repito, é o mesmo, e así a empresa conseguirá máis rebaixa nos soldos, se decide seguir pagándoos aquí. Por certo, non hai que esquecerse que comezou como unha empresa pública, privatizada, que eu saiba, sen deixar de ganar cartos nunca.
Vaca rubia galega pastando.
Outro, o da leite. O prezo de saída volve ser insostible. Menor que no resto da península ou que en boa parte do resto de Europa. Din que as grandes cadeas distribuidoras apretan ás fábricas, e estas, ós gandeiros, indefensos cunha cabana animal que coidar e á que están atados. Mais non se ve que noutros lugares a cadea de distribución sexa moi diferente, mentres que os resultados para os gandeiros si o son. Mellor non lembrar o tema da cota láctea, as ocultacións de produción (para obtela e despois de obtela) e da correspondente supertaxa, e cinguirse ó presente. E o presente é que as fábricas que quedan en Galicia non son galegas. As cooperativas desapareceron na práctica (pola zona hai unha, que segue a pagar prezos superiores ós de recollida das fábricas, e recollendo), e con elas, o poder dos gandeiros para negociar asociados. Hai poucos días, o alcalde de Ribadeo emitiu unha nota de prensa/alegato para que as cadeas de distribución non vendan con prezos demasiado baixos, tentando tocar o corazonciño das empresas. Non me parece mala idea acompañada doutras medidas, pero as empresas non teñen corazón, e soa, non creo que vaia a ningures. Por iso tamén a prensa se fixo eco de non consumir leite por baixo dun determinado prezo e iso si que creo que significa aumentar ganancias na intermediación para tentar que chegue algo ó gandeiro, abondo máis improbable. Mentres, a regulación de prezos, din, está poibida pola UE, que como Bruxelas queda lonxe é o chivo expiatorio cando xa pasou a elección correspondente. A problemática non se queda nos custes de alimentación do gando. Ten tamén algo que ver o endebedamento para a modernización das explotacións, por exemplo. Mentres, os gandeiros ven como se apoian outros proxectos veciños, e así, José Ángel Fernández, Gelo, gandeiro cunha das maiores explotacións da zona, apostilla que, estando na Devesa, quizais deba cerrar a súa explotación, reconverter a nave e aproveitar os cartos que se derraman sobre as catedrais, tanto de turistas como de apoio institucional.
En calquera caso, se nos centramos en solucións inmediatas, non hai, só parches, e as solucións a medio-longo prazo pasan por unha participación e implicación social a todos os niveis que precisamente se trata de liquidar.

Ningún comentario: