20150924

Tecnoloxía e vida en Ribadeo

Hoxe debe haber pleno en Ribadeo: os xornais anunciaron antonte varios asuntos a tratar. Sei de boa man que se deu orde de dar publicidade ó pleno en internet. Mais, a esta hora, na páxina do concello, non a atopo. Será falta miña...
A cuestión técnica está deixando ó mundo -non só a Ribadeo- descolocado en multitude de ocasións. Este verán un xornal deu como nova a parada dun coche en plena Rosalía de Castro, provocando un atasco. Durou pouco, pero iste paro 'fulminante' na calzada dunha vía céntrica non chamou a atención polo atasco, que non foi longo, senón por outra razón: a 'avaría' do coche foi solucionada a distancia, dende calquera sabe onde, pois non era un fallo mecánico, senón informático. É de supoñer que para o 'conductor' do vehículo resultaría unha toma de conciencia de que é o vehículo o que o ten a el de refén e o leva e o trae mentres non decida -o coche ou alén das portas, a unha distancia remota, calquera ó mando do coche cal dron de ataque- parar, deixar sen freos ou acelerar sen límite nunha curva.
Lembrei o tema polo 'asunto Volkswagen': a maior empresa de automóbiles facendo trampa á entidade de verificación do país máis poderoso do mundo. Véxome como cidadán dun país que certamente non é controlado polos seus cidadáns na medida que debera, enfrontado a uns medios non xa de control de comportamento, senón de orientación de decisión dos que non chegamos a saber deles, e...
... e mentras nos controlan, hai descontrol: son as 7:54 da mañá, moita xente durmindo (suponse), e o camión do vidro baleirando os dous contedores e producindo uns decibelios considerables, como tantas outras veces a unha hora aproximada.
Anoitecendo dende preto do forte S. Damián, a semana pasada.

Ningún comentario: