Como é costume, o segundo exame das PAU foi o de Historia de España. O que non é tan habitual é que entre os documentos a xulgar se aporte unha reprodución dun panfleto repartido na Coruña no 1947 instando ó uso do castelán:
"
HABLE BIEN
Sea patriota - No sea bárbaro
Es de cumplido caballero que Vd. hable nuestro idioma oficial o sea el castellano. Es ser patriota.
VIVA ESPAÑA Y LA DISCIPLINA DE NUESTRO IDIOMA CERVANTINO
¡¡ARRIBA ESPAÑA!!
"
Así, sen coma onde debera e con diferente tipografía.O documento ía na folla de exame en conxunto con outros que podemos comentar outro día, por xunto ou por separado. Pero con este chega para unha ampla análise. Para comezala, o de 'fala ben' tentaría descualificar un xeito de falar, pero non no sentido tantas veces aceptado de evitar expresións bruscas ou que podan resultar ferintes ó ouvido, senón que asimila ditas expresións ó galego...
A segunda liña enfronta patriota e bárbaro, primando o patriota -'español' nun sentido moi concreto, claro- con todas as virtudes (mesmo o primeiro lugar na liña) o barbarismo sendo asimilado a todo aquelo que non representa patriotismo no sentido antes dito, nun conxunto de dación e despoxo notable con poucas verbas.
O parágrafo máis longo faise eco doutra cita que aparece no exame e que chama en teoría á unidade, pero en realidade ó monolitismo definido polo poder (a unidade en torno ó sinalado)
A liña seguinte... ben, por se non fora abondo a exaltación lingüística, aproveita para mentar a disciplina. Por suposto, disciplina arredor da pauta sinalada polo poder.
Por último, o de 'arriba España' necesita dobre admiración, rematando o crescendo da nota e sinalando o destino común, obxectivo e xustificación interpretada non só da nota.
Así, pois, non tanto unha lección de historia como unha parte da historia dun manexo... político-lingüístico?
Unha nota:o conxunto de documentos do exame versaba sobre a unidade/diversidade de España.
2 comentarios:
Vaite ó capítulo VIII (páxinas 10 e seguintes) deste documento:
http://es.scribd.com/doc/91710095/CATECISMO-PATRIOTICO-ESPANOL-1939#scribd
Máis do mesmo.E isto paréceme máis grave porque o libro declarouse texto oficial en todas as escolas do Estado.
A volantina que citas é moi coñecida entre o alumnado porque sempre se cita á hora de falar da lingua galega durante o franquismo, así que non lles resultaría novidade ningunha.
Suso
Ós alumnos non lles resultaría novidade; á prensa, dubido que non lles resultra noticiable.
Publicar un comentario