20151030

Acumulando 30 euros cada segundo ó longo dunha vida: facendo números con Ortega

Din que a fortuna de Amancio Ortega anda polos 67 000 000 000 €, euro arriba, euro abaixo. Esta entrada non tenta nin sacarlle a Ortega o que é seu pola lei actual, nin profundizar no que fixo ou deixou de facer para lograr acumular euros a razón duns 1 000 000 000 cada ano, uns 3 000 000 diarios, 100 000 á hora ou 30 euros cada segundo (día ou noite, dende o nacemento a hoxe)...

As cousas pódense mirar doutro xeito. Contando os empregados de Inditex de xeito redondo, podería distribuír máis de medio millón de euros a cada un. Non me preguntedes canto tardaría en ganar cada empregado esa cifra coas contas actuais (ganar, non acumular en ganancias despois de gastos!), porque é evidente que a algúns lles levaría abondo menos tempo que a outros, chegando ata casos en que non lles abondará toda a vida laboral para logralo.

Outro xeito máis de miralo: Amancio podería 'doar' uns 1 500 € a cada español, muller ou home, recén nado ou centenario. Se nos centramos en Galicia, a cousa sube ata os 30 000 €, números redondos, insisto, é dicir, 'euro arriba, euro abaixo'. Facendo as contas coa Mariña resultaría preto de 1 000 000 de euros por persoa a recibir, e se nos centramos en Ribadeo, a cousa chegaría ós 6 700 000 euros per cápita: vida solucionada, que diría algún.

Máis xeitos de velo: se poñemos a fortuna de Ortega en billetes de 5 euro (12 cm x 6,2 cm), cubriríamos 100 km2, un chisco menos da superficie enteira do concello de Ribadeo.
Poderían dárselle máis voltas... ou enfocalo doutro xeito: son admisibles diferenzas como as que manifestan os cálculos anteriores fronte a xente que tarda todo un mes en conseguir para poder vivir o mesmo que Amancio Ortega leva acumulado cada un dos segundos da súa vida? Non debéramos tentar cambiar algo?

Ningún comentario: