Tratábase na xuntanza de onte xoves de asinar unha carta ó novo conselleiro presentando os feitos e pedindo de novo a prometida aportación da Xunta.
Pero... a xuntanza rematou sen apoio do PP, que parece que non quere nin dialogar cos seus cargos en Santiago para tratar do pobo de Ribadeo.
Aí van, primeiro, as follas correspondentes á carta ó conselleiro, e logo, a nota de prensa, ambas collidas da web do concello:
"
O CONCELLO TOMARÁ MEDIDAS PARA SUFRAGAR O PENDENTE
Residencia de maiores
16/10/2015
A comisión pro residencia de maiores ven de
dirixirlle unha carta ao novo conselleiro de Política Social, José
Manuel Rey Varela, na que lle pide (entre outras cousas) que declare de
forma contundente e urxente se a Xunta lle concede ou non a achega
económica prometida de 500.000 euros a esta infraestrutura, que se atopa
en fase de construción. O escrito está firmado polos representantes das
asociacións de veciños, polo BNG, polo PSOE, por Ciudadanos e polo
alcalde e a concelleira de Benestar. Por primeira vez a comisión non
conta co apoio do PP, que non quixo asinar esta carta.
O rexedor declarou que "é sumamente importante o documento que
acabamos de asinar entre case todos e tamén é revelador e ten novidades.
En definitiva o que pretende a comisión, que levamos tempo traballando
por unha residencia que se está facendo realidade día a día e todo o
mundo pode ver como vai avanzada, pero o certo é que a cantidade de
diñeiro que a Deputación se comprometeu a dar e que nos está achegando,
cumprindo o convenio, está chegando ao seu remate. É dicir, dentro de
pouco, dado que falta o diñeiro que a Xunta quedou en poñer, eses
500.000 euros, que non son nada comparado cos 2 millóns e medio que vai
custar a residencia, pero como a Xunta a día de hoxe non os puxo enriba
da mesa é o motivo polo que a comisión, conformada por tódolos partidos
políticos, xuntámonos cos representantes das asociacións de veciños para
facer exactamente o mesmo que viñemos facendo nestes últimos catro anos
anteriores para lograr entre todos un soño colectivo". Suárez Barcia
explicou que "a realidade é que lle queremos dicir á Xunta que nos diga,
dunha vez por todas, se está disposta a poñer ese diñeiro ou non,
porque se nos di que si será perfecto e cumprirá o que dixo e se nos di
que non desde o Concello teremos que tomar medidas: ou ben asumilo con
fondos propios do Concello de Ribadeo ou chamar a outras portas, se é
necesario, pero sabendo que a competencia en materia de servizos sociais
recae case absolutamente na Xunta de Galicia". O alcalde subliñou que "a novidade agora, aparte de mandarlles a carta asinada por case todos, é que por primeira vez na historia desta cuestión da residencia non asinamos todos, porque si o fixemos os representantes do goberno municipal, os das asociacións de veciños, o do PSOE en Ribadeo, a de Ciudadanos na Corporación ribadense, pero agora o Partido Popular non asina esta carta porque di que non é adecuado, e os seus motivos terá. Pero todos nós (o Bloque, o PSOE, Ciudadanos) temos diferenzas e discrepancias entre nós, tamén co PP, pero no mandato anterior había cuestións cruciais nas que poñiamos os intereses de Ribadeo por riba dos intereses partidarios. E agora, lamentablemente, vemos como hai xente que está máis ao que di o partido que ao que din os veciños, pero que non se esquezan que os veciños son os que poñen os partidos; e polo tanto esta é unha carreira, que con máis ou menos fondo, a residencia haberémola acabar, cos recursos da Xunta ou sen eles. Pero tamén deben saber os cidadáns os que deixamos as diferenzas políticas a un lado e nos poñemos de acordo e os que non o fan".
Fernando Suárez Barcia concluíu as súas declaracións manifestando que "con todo, aínda que vaia sen a firma do representante do Partido Popular de Ribadeo, esperamos que o novo conselleiro, de quen din que é unha persoa afable no trato e seguramente sensibilizada pola circunstancia de que Ribadeo non vai ter un céntimo de financiamento autonómico para a residencia, quizais cambie de opinión, deixando en evidencia aos seus compañeiros do Partido Popular de Ribadeo. En todo caso andaremos e veremos".
"
---
Informacións anteriores no blog sobre a residencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario