20151029

O Gran irmán, cada vez máis cerca

Coido que na tele están a poñer a edición XXL de Gran irmán. O morbo é así.
O que se está a propoñer estes días en Viveiro (e cando vexas as barbas do teu veciño cortar...) comparte nome e orientación de vixiancia, pero é outra cousa: pásase da vixiancia limitada no tempo e voluntaria a cambio de prestacións en televisión á vixiancia continuada con cámaras na rúa a todo o que use o espazo público, ó estilo do 'gran irmán' ideado por George Orwel.
Din  que nunha enquisa primaveral, máis das 3/4 partes das persoas coincidirion en que sería unha vila máis segura con cámaras de seguridade. Será que o pensan, aínda que non sei como era a proposta da enquisa, nin o deseño da poboación enquisada.
De pronto, en xuntanza mantida onte, advírtese que non será así, que non será un 'gran irmán'. Na xuntanza participaron unha empresa de seguridade que comezará a encargarse do tema, os empresarios (a función para a que é ideada é para a protección dos comercios), responsables políticos e xefes policiais. Entendo que a poboación de Viveiro está constituída por veciños, pero por ese concepto non había representación, e a referencia ó gran irmán era para os veciños.
Na xuntanza tamén se dixo, parece ser, que Viveiro era un pobo seguro, pero aínda así, que as cámaras disuadirán ós ladróns. A instalación está prevista en 7 lugares, o que implica como mínimo, outras tantas cámaras, para as que se espera subvención, claro.
Cámara de seguridade. autor:Rama. lic. CeCILL
Hoxe, con medios, é doado facer unha vixiancia intensiva. Cámaras fixas, pero tamén drones (polo momento non é o normal por estas terras). E, que evitan? Se a xente ve invadida a súa intimidade e non fai a vida normal, é un perxuízo de entrada tan grande como a intrusión de cando en vez para roubar. Se non varía a súa vida normal, os ladróns cambiarán as súas pautas e o que servirá será para controlar a vida da xente. Poderá evitarse sempre algunha cousa, e dará oportunidade a outras. En Ribadeo, hai poucos meses, nmun edificio no que os veciños están vixiados nas súas entradas e saídas, pois conta con catro cámaras cenitais na rúa instaladas por unha entidade bancaria, houbo un par de roubos no mesmo día, e logrouse identificar ós veciños que entraban e saían, pero non ó ladrón. Referente ó servizo desas mesmas cámaras poderiamos seguir a falar sobre o que permiten facer, pero entendo que a cousa está clara: as cámaras póñense co pretexto da seguridade, e o seu uso implica unha seguridade cando menos, sesgada, e un control para quen estaba mellor sen el. Os cacos toman medidas, a xente normal, non. E é a que se ve ou pode ver afectada.
---
adxunto o publicado por Iván Arias Balsa (inv. en dereito constitucional da USC) na Voz de Galicia/A Mariña o 20151031:
Sobre a videovixilancia urbana en Viveiro
O 28 de outubro, La Voz de Galicia anunciounos que, en Viveiro, se ía dar unha reunión a «catro bandas» para decidir sobre a proposta dos comerciantes locais para implantar un sistema de videovixilancia urbana, co cal se enflautan os corpos de seguridade pública e o mesmo Concello.
As taxas de criminalidade no Concello de Viveiro, no ano 2011, dacordo a estatística da Subdelegación do Goberno en Lugo, son as máis baixas do conxunto de España. Viveiro é un lugar apacible. É certo que se deron casos delictivos graves; pero fóra de zonas onde podería operar a videovixilancia, como portais, pisos, e sobre todo, o rural do municipio. A resolución de casos criminais no noso municipio ronda o 100%, de tal forma que a totalidade dos delincuentes locais son sometidos á acción da xustiza. Non empeoraron as cousas dende entón.
40.000, ou 60.000 Euros, son un custo considerable para unha medida que non aportará melloras tanxibles á seguridade cidadá, excepto meter medo. Máis cando as medidas de vixilancia por cámaras son doadamente vulnerables se non existe unha resposta inmediata (imaxinemos: enmascararse ou cambiar a roupa canto antes despois de cometer o feito delictivo). É dicir: as cámaras non evitan o delicto se non existe un control, en tempo real, por unha patrulla que saia ó encontro do delincuente no momento que se produce o suceso.
A instalación de cámaras de gravación en lugares públicos mermará os dereitos fundamentais da cidadanía, nunha vila onde todos nos coñecemos, e onde calquera medida de seguridade resulta evidente para calquera tipo de delincuente ou pirata. ¿Cal é o sentido de establecer unha vixilancia pública tan insalvable para ?e vulneradora? os dereitos dos veciños? ¿O «Gran Hermano» orwelliano chega a Viveiro? ¿Asumimos a perda de liberdade para favorecer unha improbable mellora da seguridade?
Faría ben o Concello (que non o fará) en solicitar do Goberno central a autorización para a realización dun referendo municipal, para que os veciños ?«quinta banda» e interesados neste asunto?, co seu voto, se pronunciasen sobre a medida da instalación deste tipo de sistema de control. Porque o que está en xogo non é a seguridade pública ?que parece que xa existe, a xulgar polas estatísticas? senón que os dereitos e liberdades públicas de tódolos habitantes e visitantes de  Viveiro.