As actuacións do alcalde de Ribadeo relacionadas coa nova residencia de anciáns están movidas, segundo denuncia e acusa o PP de Ribadeo nunha nota de prensa do 16 de outubro do presente ano, por un claro interese político. Con esta absurda afirmación, tantas veces repetida que xa cheira a naftalina, refírese o PP a reclamación dos 500.000 euros promovida pola Comisión pro Residencia, presidida polo alcalde de Ribadeo, en favor da construción da nova residencia de anciáns. Acusación que o PP utiliza tamén noutras moitas actuacións similares. Parece ser que é esta a única forma de facer oposición que coñece o PP: acusar constantmente o alcalde de facer política con calquera cousa que se consigue para Ribadeo.
A primeira conclusión á que se chega ó ler esta frase do PP é que os seus representantes confunden os conceptos “interese político” e “interese partidista”. Lagoa ben lamentable en persoas que, ó presentarse ás eleccións, ofrécense a ostentar a representación do pobo e a exercer a política de servizo ós cidadáns.
O adxectivo “político”, na súa acepción etimolóxica derivada do grego, - “polítes”, home da polis, cidadán - significa a arte de gobernar ós pobos, e refírese, por tanto, a todo o concernente ós cidadáns. “Política” é, así pois, a arte de gobernar ós pobos. E segundo esta acepción, tódalas actuacións, tanto as dos xestores como as dos cidadáns, son xa que logo actuacións políticas. Así logo, e segundo esta definición, non cabe máis que felicitarnos de que as actuacións do alcalde de Ribadeo estean movidas por un profundo interese político. Como non debería ser doutra forma nun personaxe público, sobre todo nun alcalde adicado ós seus cidadáns.
O adxectivo “partidista”, pola contra, fai referencia a tódalas actuacións que se atribúen e que pertencen ou se relacionan con un partido. Xusto o mesmo que están a facer aqueles que, como o PP de Ribadeo, atribúen ó seu partido todo o que supoña un beneficio para o concello de Ribadeo.
Neste caos mental no que viven, sen dúbida confunde o PP de Ribadeo o concepto de “político” co de “partidista”. Porque este último é, certamente, o comportamento que o PP vén demostrando nas súas actuacións de oposición: interese partidista. E dicir, aproveitar todo o bo que se fai en Ribadeo, para un posible beneficio partidista do PP. Nesa dirección van tódalas súas posturas e actuacións relacionadas cos problemas do noso concello. Non outra cousa fan, por exemplo, ó atribuír ó seu partido a decisión de ENCE de elixir o porto de Ribadeo, no canto do de Avilés, pra a evacuación das súas mercadorías. Ignoran que esta decisión da empresa ENCE non foi máis que unha pura estrategia da devandita empresa para conseguir de Portos de Galicia unha gran rebaixa de taxas. E non outra cousa pretende o PP, tampouco, ó negarse a asinar o documento proposto pola Comisión pro Residencia pra reclamar os 500.000 euros que a Consellería de Política Social da Xunta ten pendentes de achegar para a residencia de anciáns. E ese é o seu comportamento con todo o que se move en Ribadeo: acusar ó alcalde de manobra partidista, e atribuír todo o que se consegue ó seu partido, o PP.
E están tan obcecados na súa postura de tentar desgastar ós seus rivais políticos que non se dan conta de que, en todo caso, os méritos que se poidan acadar da consecución dunha residencia pra Ribadeo non son exclusivos do alcalde, senón de toda a Comisión que levou este tema en conxunto, aínda que fose imprescindible o apoio do alcalde, que foi total, como principal responsable da xestión municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario