Onte, nunha cadea de televisión, repoñían (vez n), 'La Colmena'. Un dos tramos que me ten deixado máis pensativo é aquel no que o escritor temeroso saca o recorte do seu último traballo como defensa: "Razones de la permanencia espiritual de Isabel La Católica".
La Colmena saíu do prelo en Bós Aires no 1951. As circunstancias reflectidas na novela, ambientada uns anos antes, variaron abondo ata a actualidade. Tanto como para dicir que pasou de moda a permanencia espiritual de Isabel, pero se segue a celebrar o Pilar como festa Nacional, que te poden pedir o DNI pola rúa aínda que en teoría podas reclamar o número de placa ou que non é necesario que viviras no 'bando equivocado' unha guerra de hai anos porque hai outra confrontación en marcha sen necesidade de armas de metralla na que tes moitas probabilidades de estar no bando perdedor.
Vai amencer un novo día en Ribadeo, 'con todo o respeto' periferia da periferia da periferia, mentras no horizonte se divisa a ponte do Pilar, mellor que unha mal iluminada Ponte dos Santos. Por unha e atraverso da outra chegarán de novo xentes que virán pasar uns días e deixar os seus cartos (moitos para algúns, demasiados poucos para outros), sen importarlles moito (nin ós úns nin ós outros) a orixen das pontes (nin da do Pilar nin da dos Santos). Evidentemente, a permanencia espiritual de Isabel queda sesgada cara ó consumo e a idea de poder central en mans de quen pode mantelo. A moda era 'o resto', o ter a consideración de facer espallamento público dunhas ideas que agora non fai falta espallar no mesmo sentido, senón que se fai dun xeito natural, a traverso de diversas facetas vitais.
E esta fin de semana, pobo e viaxeiros atoparanse no corazón de Ribadeo un novo monumento máis, en aras da información ó servizo. Enfrontado a casa Arango, ó estilo dun monolito, un panel informativo máis grande en altura ou anchura que ti ou ca min estará amosando información de todo tipo que queira o Concello. A páxina web, de xeito evidente, queda pequena para poñer toda a información e xurdiu este irmán maior para dar pequenas pílulas informativas receitadas pola autoridade competente. A información sempre é boa, din, sen distinguir moito entre propaganda comercial (non coñeces a ninguén a quen o que máis lle guste da tele sexan os anuncios?) ou institucional (fixácheste cantas cousas boas fan as institucións, en particular cando se ven polos medios que controlan, cada vez mais?). Ademais, estou por apostar a que 'o monolito' non custará ó erario público, pois ese espazo non será xa só público, senón de expresión público-privada mediante os anuncios correspondentes, en claro beneficio de Ribadeo (tanto o que non custe ó erario público como polas bondades de estar anunciando cousas de Ribadeo) a cambio do módico prezo de poñer unha pantalla máis preto dun parque infantil.
Ó final, non falei nada das Razóns da permanencia espiritual de Isabel La Católica en Ribadeo. Mais coido que, mentres, a súa permanencia, en moitos sentidos, está asegurada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario