20151030

SOSTENELLA Y NO ENMENDALLA, artigo de José Mª Rodríguez Díaz

Porto e pego de http://cargadoiro.blogcindario.com/2015/10/00437-sostenella-y-no-enmendalla.html:, no marco da polémica arredor de 500 000 € prometidos e non desembolsados pola Xunta de Galicia:
A reclamación dirixida pola Comisión pro Residencia de Ribadeo, presidida polo Alcalde, ó Conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, en demanda dos 500.000 euros comprometidos por esa Consellería pra esta residencia, faise esperar. Os días pasan e o tempo aprema, pro o Conselleiro garda silencio. Responde por el, en cambio, un político do PP, o Sr. Balseiro. É un intento, puramente partidista, de xustificar ante o pobo a negativa da Xunta a cumplir coas súas obrigas e compromisos.
Acaba de aparecer unha nota de prensa do Secretario Provincial do PP, Sr. Balseiro, tentando xustificar a postura negativa da Xunta, coas mesmas desculpas de sempre: a falta do achego da documentación que se pide no Convenio que a Xunta presentou ó Concello. Pro ata os nenos de primaria saben, e é extraño que non o saiba o Sr. Balseiro, que os Convenios, como a mesma palabra o di e a Real Academia Española define, son un «acordo ou pacto» e, por tanto, cousa de dúas partes. E o Concello de Ribadeo non foi chamado a participar na elaboración deste Convenio, nin a consensuar as súas cláusulas. É por aí por onde a Consellería debería empezar, se realmente tivese a intención de colaborar co Concello de Ribadeo e cos seus veciños.
estado das obras no intrerior da residencia o inverno pasado
Considera esta Comisión pro Residencia, ben asesorada polos técnicos xurídicos municipais que algo diso saberán, que pra xustificar a entrega deste diñeiro non é de recibo pedir unha documentación xustificativa relativa a unha futura xestión da residencia. E non o é porque ese diñeiro foi ofertado para as obras e non para a futura xestión da residencia, que é cousa distinta e, polas razóns que a propia Consellería coñece, está aínda sen definir por causa das competencias nesta materia. Poderían, en todo caso, eso sí, pedir a xustificación da inversión dese diñeiro nas devanditas obras.
Non ten ningún interese o Concello de Ribadeo en actuar con «manobras dilatorias», como afirma o Sr. Balseiro, no seu afán de xustificar as posturas da Xunta. Ó contrario, nada máis lonxe do interese do Concello, que tan só pretende evitar que a achega desta cantidade caia sobre os ombreiros dos veciños, como tenta de facer a Xunta. Non creo que os veciños estean dispostos a darlle ó PP as grazas pola súa negativa, como xa demostraron nas derradeiras eleccións locais.
Resulta vergoñoso comprobar como o esforzo da Xunta na aplicación de súa política social de facer residencias por toda a mariña lucense, desde Viveiro ata Foz, esta última por un compromiso puramente electoral do Sr. Feijóo segundo confirmou a anterior Conselleira, parou no Masma. Non seguiron ata Ribadeo, que sería o lóxico pola importancia deste Concello. Pro, claro, este Concello está en mans da oposición: o BNG. Ista é a verdadeira razón que os levou a facer todo o posible por obstaculizar a construcción desta residencia en Ribadeo. Esta actitude con Ribadeo, non teñen nada que ver coa súa política partidista? Non son un abandono das súas funcións? Resulta que non lle son necesarios eses documentos a Deputación, que pon preto de dous millóns de euros, e sonlle imprescindibles a Xunta? Pode explicarllo o PP ó pobo de Ribadeo, que será o que teña que poñer os 500.000 euros? Vaille perdoar o pobo esta afronta o PP?

Ningún comentario: