20151129

Catastreando por Ribadeo e España enteira

Dende hai un tempo comezou o tema: 60 € pedidos de pronto, sen ter nin a quen reclamar.
Pouco a pouco foi sabéndose a cuestión: non era un imposto reclamado por non telo feito con anterioridade, nin un novo imposto, senón algo imposto para poder variar o imposto asociado ó valor catastral dos inmobles. Está claro? Non é un imposto, senón algo que nos é imposto.
Teñen saído nos medios diversos artigos relacionados con Ribadeo sobre o tema. O PP, Fernando Suárez como alcalde ou Rodrigo Díaz Coto foron algúns dos intervintes. Como resume rápido, o PP tentaba aclarar varios puntos para dicir que a culpa é do alcalde por pedir a revisión. O alcalde fai diversas consideracións e indica que iso dos 60 € lineais para toda revisión é unha desigualdade (pero non pode negar que a revisión ten unha orixe e que moi posiblemente, implicará un aumento no pago do IBI). Rodrigo Díaz Coto faise eco de diversas cousas tratadas nunha xuntanza mantida por iniciativa de Atalaia cos partidos políticos (BNG non asistiu), facendo fincapé en que os 60 € son un extra.
Plano do PXOM correspondente á vila, accesible en http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/inventario.php?idconcello=27051

E a iso vou. É evidente que os impostos están aí para recadar cartos para cousas comúns. É evidente que se alguén tenta evitar pagalos, incumprindo a colaboración social debida, a sociedade debe tentar evitar esa falta de colaboración, mesmo con castigos (multas). E, nese sentido, se se detecta que o catastro 'está mal', debe facerse unha revisión para que 'esteña ben'. Pero antes non se cobraban os 60 €. A que veñen pois? Quizáis alguen máis relacionado co tema o poda poñer de xeito moito mellor definido, pero coido que a idea é abondo sinxela: algo que o facía un organismo público con funcionarios pagados por todos, agora está en mans privadas en base a un acordo político de privatización de servizo. E a empresa privada cobra eses 60 € por facer a revisión, sexa cal sexa, considerando que ten que actuar non de xeito proporcional ó valor, senón por actuación, por entidade catastral. A que se adican agora as persoas que había para estes menesteres? Nin idea.
Na actualidade xa hai propostas de baixadas de impostos se gana algún determinado partido as eleccións. Como os servizos dispoñemos deles, se non se manteñen con impostos, serán delegados e mantidos por empresas con ánimo de lucro, logo, en principio, e a igualdade de eficacia, máis caros.
Máis claro? Auga. Sen privatizar, que hai empresas (de xeito salientable, Nestlé) que quere enturbiar o tema para quedarse cun beneficio por cada vaso que bebamos.

Ningún comentario: