Para iso, collín datos demográficos de China e Galicia en diversas páxinas da wikipedia, baseados en estatísticas oficiais, e fixen catro representacións gráficas. As dúas primeiras, referidas respectivamente á evolución demográfica china e galega, teñen unha escala temporal semellante, aínda que, debido á evidente diferenza de poboación a escala de cantidades de poboación está en relación case 500:1.
O interesante é que na China, en menos de 40 anos a partir de 1953 no que comezan os datos que recompilei, a poboación duplicouse, e iso que foi xa en 1979 cando se implantou a lei do fillo único. Ademais, nótase que a implantación da lei necesitou dun tempo, pois foi só a mediados da década de 1990 cando o medrar se ralentizou a 'só' uns 30 millóns ó ano, a pesares do aumento da poboación en idade fértil. E aínda segue a medrar a ese ritmo, aínda que estivera previsto, antes do anuncio desta semana, que a poboación podería comezar a diminuír a partires de 2030.
A gráfica semellante para Galicia arroxa outra realidade ben diferente: a poboación mantense ou cae lixeiramente, mesmo co retorno da emigración da última parte do século pasado e a inmigración da primeira década dos 2000. Aquí non temos unha política de un só fillo de xeito oficial, pero practicámola de xeito individual e severo dende hai tempo. De novo, non entro nos condicionantes socioeconómicos ou de mentalidade que poderían sustentar esa decisión, pero é de recalcar que a poboación galega era xa, de antes, abondo máis envellecida que a china.
Máis aló da visión dunha poboación para manter o nivel de poder relativo respecto a outras poboacións en número, ou para manter un desenvolvemento imposible por causas de recursos naturais, ou para asegurar un 'servizo económico' interxeracional, coido que deberamos prestar atención ás medidas de conciliación socio-laboral quitándolle a primacía decisoria a unha economía entendida en función do medre de ganancias, e no tecido dunha rede social comunitaria, que non asistencial, como un aparte.
De calquera xeito, deixo os comentarios anteriores sen continuidade nin precisión posterior: o que pretendía era amosar os números para resaltar que na China, con razón ou sen ela nas decisións, tómanse estas cousas concedéndolles unha importancia que aquí non se lles da.
*Dicía hai algún tempo:"Moita taxa de repoboación non é boa para o planeta, aínda que poda selo para unha comunidade concreta considerada illada. Demasiado pouca, tampouco, como pode verse de xeito doado. No medio estaría a virtude, pero polo momento, non é o caso de Galicia."
Bonus: quizáis a alguén lle oriente esta ligazón do blog guerra eterna sobre o cambio normativo chino, ou esta gráfica de hai xa un par de anos sobre a pirámide poboacional en España, ou poda usala como comparación das que presento enriba (ver que parécese, que é ben diferente da galega e a previsión do que representaría o paso de 10 anos)
Máis sobre demografía en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/poboación
Ningún comentario:
Publicar un comentario