20151102

Crónica informal sobre unha xuntanza, coa illa Pancha ó fondo

Distendida, clarificadora, produtiva: estimo que os adxectivos anteriores definen boa parte do que foi a xuntanza de onte sobre a illa Pancha. Sobre a illa, e non só sobre o faro, porque quedou claro que o faro, o edificio, é só unha parte afectada pola cesión para o seu uso hostaleiro.
Pouco a pouco vai cristalizando, medrando e poñéndose en marcha un grupo de persoas que recollen ideas do grupo de internet, no que tamén participan, e as levan á práctica, como diriamos, á rúa, máis aló do dixital, máis acó coa xente.
Coido que quedaron establecidas tres ideas básicas na xuntanza de onte:
1.Fai falta máis información, para facer un seguemento, ver o que estiman ou desestiman os técnicos, pero sobre todo para ter unha base máis sólida de razoamento e actuación.
2.Evidentemente, ten que haber criterios técnicos que guíen a resposta do concello, pero tamén políticos. A nota do alcalde, a pesar de aludir á trasparencia e ser forzada despois de ata cinco meses sen resposta ás peticións, non dixo moito novo, e non respondeu a cousas que se lle pedían, quedando cunha versión restrinxida da petición máis reducida das varias que se fixeron. Por exemplo, non comprendemos por que o concello non publicou xa o informe preceptivo sobre o faro, que foi emitido hai xa tempo, e pedido tamén xa dende antes do verán.
3.Aínda coas fallas anteriores, entendemos que se pretende unha actuación na illa que vai en contra da protección establecida. E mesmo a retórica na nota da alcaldía non evita o poñer en claro algunha contradición, como ocorre no punto 2 da nota, a pouco que nos fixemos no título, que debera corresponder co convenio sobre a illa, e o que se pretende no proxecto presentado: "instalacións complementarias do mesmo en edificación independente (cafetería e aseos), polo que se deberá informar sobre o proxecto presentado, baixo o titulo de “Proxecto Básico e de Execución de Reforma interior e de fachada do faro antigo para uso hoteleiro e de bar cafetería”".
Naturalmente, a xuntanza non quedou aí, senón que continuou con liñas de actuación. Básicamente:
-O concello recibirá esta mesma semana unha renovación de peticións xa feitas, concretándose no acceso ó expediente (onde ten que estar incluído o informe do concello), xa sexa mediante a submionistración dunha copia, ben a partires dunha entrevista co alcalde e acceso ós documentos ou doutro xeito.
-Complementariamente, o grupo recabará máis información sobre a convocatoria que deu pé á cesión da illa e tentará entrar en contacto con organizacións ecoloxistas, recabando información das mesmas ó tempo que informándoas dos efectos que pode ter unha instalación deste tipo sobre a natureza no entorno da illa.
-Como o grupo ve probable no futuro o ter que facer un chamamento á acción cidadá, comezar a desenvolver accións sinxelas que poideran apoiar e facer máis rendible ese chamamento.
Para rematar, deixo algunha foto collida da rede:
Posteada por Covadonga Suárez en Facebook
Noite na illa, por Suso Fernández
O faro no lusco fusco, por Suso Fernández
Obra de José Manuel Yáñez Rodríguez (xa a puxera e retirara noutro post, ó non chegar a tempo a autorización)

Ningún comentario: