Despois de ter publicado hai uns días 'Crónica informal sobre unha xuntanza, coa illa Pancha ó fondo', o paso seguinte acordouse que era repedir documentación da que non se dispoñía. A petición, xestionada a traverso da AVV O Tesón, foi ingresada onte no concello (pódese ler en tamaño maior premendo co rato sobre ela, aínda que o texto preséntase embaixo de todo):
Queda agora volver a esperar (non moito, que non se vai agardar perto de medio ano como a vez pasada), mentres se fan outras actividades.
Texto do documento:
"Expón
Que en contestación do escrito enviado o 13 de xullo ó sr. Alcalde (entrada 2015-E-RC-8223) recibiu a pasada semana un escrito (saída 2015-S-RC-4256) no que non se respondía á petición da “copia do informe presentado polo concello á petición de Costas para a concesión do faro e illa Pancha como hotel'
Que sabemos que outros escritos semellantes doutras entidades e persoas quedaron ben sen resposta, ben con resposta incompleta como foi sinalado na parágrafo anterior,
Que en xuntanza (da que tomou nota de xeito informal, reflectida en http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/11/cronica-informal-sobre-umha-xuntanza.html e posteriormente reflectida pola prensa) o pasado domingo entre diversas persoas integradas no grupo de defensa da illa Pancha, acordouse solicitarlle de novo o dito informe, así como unha copia ou acceso ó expediente no concello, e / ou (de xeito complementario, non suplementario) unha entrevista previa,
Que entendemos que a situación da percepción social en torno ó tema non está a mellorar,
Que entendemos igualmente que tanto unha reforma de fachada (punto 2 do seu escrito citado) como instalacións en edificación independente (mesmo punto), ou o necesario sistema de evacuación de fecais, ou a necesidade de gardar unha distancia de 20 m coa ribeira, entre outros puntos, atentan contra a preservación debida da illa debido á súa pertenza á zona LIC e ZEPA, a máis da que consideramos indesexable cesión de lugar público e de referencia no concello para actividades privadas, mesmo despois de ter cerrado o acceso á xente do pobo á illa durante longos anos.
Que mesmo atenta e contradí á propia natureza da resolución do Consello de Ministros, detallada e delimitada en nota de prensa emitida polo Ministerio de Fomento (http://www.puertos.es/es-es/Documents/Faro_Isla_Pancha_1.pdf) onde textualmente se di "El proyecto sometido a tramitación por la Autoridad Portuaria de Ferrol San Cibrao para el uso como alojamiento en el antiguo edificio del faro de Isla Pancha (2 estancias adaptadas a la edificación existente) (...)”
Que necesitamos información para dirixir e avaliar de xeito conveniente a nosa propia actuación,
Polo que solicitamos
- o informe enviado polo concello a petición de Costas
- copia ou acceso ó expediente que poda manter o concello sobre a concesión do faro
- entrevistarnos con vde á maior brevidade posible para tratar sobre o tema.
En Ribadeo, a 3 de novembro de 2015."
Ningún comentario:
Publicar un comentario