20151109

Eleccións finalistas?

Xa está. Xa falta menos de mes e medio para votar de novo, e menos de un mes para que comece unha campaña que leva xa rodando moito tempo. Outras novas eleccións!
E, como as anteriores, as anteriores, as anteriores... parece que o mundo acabara con elas (antes de votar, que despois de recontados os votos rematou o conto). Son as finais antes do cataclismo que sucederá se ganan os outros!
O importante é o voto: que sexa para nós! Logo, non hai que preocuparse, xa o administramos (nós). Descansa, que xa fixeches o teu traballo: darnos o voto. Agora tócanos a nós, o noso traballo é quedarnos con el e sacarlle zume (nós). Ou non coñeces a teoría dos restos? En sinxelo, di que hai que facilitar que quen ten teña máis, que algunha miguiña caerá da mesa e chegará ós máis. Logo, sempre ganas votándonos: asegurámoscho. Sabes que hai cousas que non te podemos dicir, pero que o facemos por ben (noso). Mesmo deixamos que te enfades, non importa. Pero vótanos, que os teus enfados sabes que son pouca cousa fronte ó que podemos prometer. E non, non fai falla que sigas a ler, non queremos cansarte nin aburrirte, vota e volva á casiña descansar, que nos ocupamos nós. Descansa, que nos ocupamos nós, descansa, que nos ocupamos nós, descansa... Podes estar satisfeito se votaches como te dixemos. Se non, ten en conta dúas cousas: votaches mal, e todos os males virán de aí, e nós gobernamos igual para todos (nós).
O mantra electoral segue, e a alienación é do voto porque o é das persoas. Votar día a día está demodé, ser social (farras excluídas) tamén.
Si?

Ningún comentario: