20151117

O XACEMENTO DE LOUSELAS DE RIBADEO, Artigo de Pancho Campos

Fai meses que levo pensando en escribir algo sobre o xacemento de Louselas, localizado na parroquia de Sta. María de Vilaselán, pero aínda que é un tema para min apaixoante, éme difícil desenrolar estas liñas posto que carezo dos coñecementos académicos indispensables para resumir paso a paso de forma sinxela os feitos que somentes pretendo espallar entre os meus veciños “daquela maneira” para que sexan mellor entendidos e se lles empece a dar a gran relevancia patrimonial que teñen, e descúlpenme os profesionais do asunto se meto a pata en algunha disquisición. Os datos que refiro son adquiridos da lectura da monografía e da charla que nos deu na Casa das Letras o arqueólogo Eduardo Ramil Rego do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), este pasado mes de Agosto donde presentou a Monografía Nº6, LOUSELAS (Ribadeo, Lugo) da que el é coautor xunto con José Ramil Soneira (q.e.p.d)
 Louselas é un xacemento arqueolóxico o aire libre que se identifica no Paleolítico inferior nos inicios do poboamento humano da rexión cantábrica. Ten, nada menos, que unha antigüedade de 480 000 anos, e o seu estudo presta especial atención as ferramentas de pedra tallada que se atoparon, e a súa clasificación morfotipolóxica dos útiles bifaciales.
 Aqueles homes que habitaron Louselas, eran casi como “animais carroñeiros” pois comían as sobras que quedaban da caza doutros animais máis veloces e poderosos ca eles, e comezaron a construir e utilizar ferramentas de pedra lascada para poder sobrevivir comendo a carne dos animais. Así, atópanse útiles chamados “choppers” que son coitelas discoideas ou talladeiras; fendedores, usados para fender os ósos e chuparlles o tuétano. Outras eran para raer e raspar a carne pegada as pieles e ós ósos, chamadas: raedeiras e raspadores.
Biface. Didier Descouens, CCby-sa 3.0
 Os artesáns de Louselas utilizaban para confeccionar aquelas ferramentas, cuarzo filoniano leitoso e maiormente as cuarcitas de grao fino que atopaban na zona. Dentro da Ría de Ribadeo os xeólogos e arqueólogos tamén atoparon espallados algúns montóns de nódulos de silex, pero pronto souberon que eran materiais exógenos “recentes”, non propios dos xacementos prehistóricos da Galiza, e a este material amontoado coñecese como “lastreiras” debido a que son as pedras que os barcos procedentes de Inglaterra traían como lastre, e as tiraban preto dos fondeadeiros, cando ían a cargar madeira ou outros produtos de exportación peninsular (Isidoro Asensio Amor e J.C Iglesias Vidal, 1989)
 A cuestión de maior interés para a comprensión do xacemento de Louselas, foi o diacronismo ou relación entre o feito da ocupación humana e a orixe e depósitos da Rasa cantábrica. Estudos do noso veciño Isidoro Asensio Amor, xunto con Hernandez Pacheco en 1963 e con H. Nonn en 1964, así como, estudos de G. Mary en 1970 e 1975, demostran que hai dous niveles de cantos marinos na zona de Ribadeo, un a 100 metros e outro a 55-60 m que corresponden a cambios do nivel do mar durante o Pleistoceno que é o período glacial cuaternario que sigue xeolóxicamente o Plioceno, un período de gran actividade volcánica, e precede o Holoceno ou período recente da era cuaternaria.
 Estes estudos do nivel do mar son moi importantes para a datación do xacemento, debido a que fai 480 000 anos Louselas era un asentamento de homínidos, e fai 200 000 anos, Louselas estaba completamente sumerxido a 38 metros por debaixo do nivel do mar. ¿Como se sabe que o xacemento de Louselas é anterior a aquela desglaciación que inundaba o lugar de asentamento?. Polas cuarcitas talladas atopadas no xacemento, pois presentan lustre exterior, e as aristas e nervaduras sufriron desgaste desigual, coloracións ocres e violáceas de acusada ferruxe, características que se producen en contextos de grandes cantidades de choiva combinados con períodos prolongados de inmersión marina.
 Do xacemento de Louselas hai medio millar de evidencias líticas ou pedras talladas polo home, que deron lugar a un estudo pormenorizado das distintas fases do seu desenrolo operativo, esto é, adquisición e transformación inicial das pedras, ata a fase da producción das ferramentas.
 Pois ben, con toda esta magnífica historia da prehistoria, fixose a monografía Nº6 do MUPAV, que se basa na tesis doctoral de Eduardo Ramil Rego, defendida na Universidade de Santiago de Compostela en outubre de 2014 baixo o título “Prehistoria Antigua del Occidente Cantábrico. Las primeras Poblaciones”.
Quixera rematar cunhas reflexións. Todos estes estudos líticos tan minuciosos e difíciles os fixeron persoas preparadísimas intelectualmente e na maioría dos casos non percibiron nin un triste céntimo de subención nin para gastos, somentes os moveu o coñecemento académico e a pasión de descubrir verdadeiros tesouros da historia, dos que nós temos a obriga de poñer en valor.
 En Ribadeo tivemos e temos a gran sorte de poder contar con grandes estudiosos da nosa xeografía, orografía, xeoloxía, historia, toponimia, etc. etc. Entre aqueles, e entre outros o Inxeñeiro Schultz e Isidoro Asensio Amor, e hoxe en día Laureano Busto, “La Dote en el siglo XIX”; Chemi Lombardero sobre a “Sociedade de Ribadeo (1900-1936)” e “O Porto Comercial de Ribadeo”, e por antonomasia José María Rodriguez Díaz, historiador e latinista que publicou libros e monografías como: “Sobre Os Castros de Ribadeo, “O Mosteiro de Esperautano”, a “Colexiata de Ribadeo”, “Vilaselán Aproximación a Historia”, “Toponímia de Ribadeo” entre outras decenas de artigos de prensa, nos que nos deu e da a coñecer decenas de anecdotas e momentos relevantes da nosa historia.
 Ademáis do asentamento do mosteiro de Esperautano, por investigar na Graña, e dos castros de Vilaselán, de Piñeira, de Arante, das Anzas, de Vilaosende e da Devesa, que están por terras do Concello de Ribadeo, cuxos restos o descuberto farían un percorrido turístico espectacular xunto coa croa de Reinante, a fraga da Cova da Veneira e o castro de San Miguel de Reinante, a fraga de fentos e fervenza de Augas Santas do Santo Estebo do Ermo en San Cosme de Barreiros, as mámoas do Mondigo, de Comado, das Pallaregas, da Cadeira, etc. Hoxe en día tamén temos de actualidade, o pecio dun galeón do século XVI sepultado no fondo da Ría de Ribadeo que foi descuberto en 2011 durante o dragado do canal de acceso a Figueirúa ou muelle de Mirasol. Pois ben, os castros siguen abandoados a súa sorte como fai máis de dous mil anos, e o pecio do Galeón de Ribadeo está a punto de desaparecer debido a que está desenterrandose e enterrándose sucesivamente cos movimentos das augas das mareas e o rebufo das hélices dos barcos, e dicen os buzos que: “desenterrar o pecio levaría poucos meses e a esa profundidade non necesitaría un gran presuposto”. ¡E hai un montón de pecios na ría con cuxos restos faríase un Museo Marítimo de valor académico e cultural incríble!
 E eu me pergunto ¿Como é posible que tendo un territorio tan sumamente plagado de historia terrestre e marítima, non teñamos un triste recurso para poñelo en valor? Sabendo que en Madrid o que se considera Ministerio de Cultura é un simple cartel guindado dunha parede, ¿tamén é o mesmo a Consellería de Cultura da Xunta de Galiza?, ¿un simple cartel guindado dunha porta sin máis utilidade que o adorno? e ¿que pasa coas nosas institucións provinciais, comarcais e das do propio concello? ¿Non hai maneira de elevar ningún recurso en prol do porvir da nosa sociedade? ¿temos que seguir emigrando para buscar traballo e despois ir de vacacións a Stonehenge para ver pedras megalíticas de data máis recente cas nosas?
 Francisco José Campos Dorado

1 comentario:

Sobrado dixo...

Atinente a isto hai un interesante artigo na revista Entrambasauguas(nº 17, 2003) titulado ¿Qué femos cos Castros? onde se afonda na problemática do coñecemento e salvagarda do patrimonio arqueolóxico nos concellos asturianos de acolá do Eo. Ten xa uns anos e dá para observar que nisto como noutras cousas imos a pior.
http://www.academiadelallingua.com/wp-content/uploads/2014/09/Entrambasauguas17.pdf