20151103

Por que será? Artigo de José Mª Rodríguez sobre a residencia de Ribadeo

Nota: este artigo inscríbese na defensa da actuación da comisión pro residencia e todos os apoios políticos que a mesma tivo e ten en Ribadeo. Tras as eleccións municipais, o PP decidiu facer unha oposición á liña mantida, e xa se levan publicados varios artigos no blog en relación co tema nas últimas semanas. O presente nace como resposta ó publicado hoxe mesmo, 3 de novembro, en crónica 3, con orixe no PP ribadense.
"
Por que será?
O obxectivo a abater é, sen dúbida, o alcalde. O PP de Ribadeo, incansable na súa loita de desgaste, ignora á Comisión pro Residencia, verdadeira responsable de tódalas actuacións relacionadas coa residencia, pra centrar os seus ataques na persoa do alcalde de Ribadeo. Por que será?
 Pero esta comedia, chea de mentiras, xa se prolonga demasiado. E o tempo non é pra perder en bobadas, cando hai tanto en que ocuparse. Soamente algunhas precisións co único obxeto de aclarar algunhas cousas coas que o PP trata de enganar ós veciños de Ribadeo.
 Presume o PP, e faio sen desfalecer no intento, de que está a favor e na defensa da residencia. Os feitos non o demostran, máis ben ó contrario. Desde que os veciños empezaron a súa loita por conseguila, o PP sempre estivo, non só ausente senón empeñado en obstaculizar este obxectivo dos veciños. Ata tal punto que remataron defenestrando ó anterior portavoz do PP por estar a favor dos veciños.
 

Polo que toca á actitude da Xunta, dicir que sempre foi negativa, negándose primeiro, a ignorar os escritos reclamatorios da Comisión de Veciños, e a recibir ás delegacións municipais de Ribadeo. Únicamente a presión exercida pola vontade insistente dos responsables políticos e veciñais logrou dobregar a súa permanente actitude negativa a escoitalos. As súas escasas e exiguas promesas de colaboración, aínda non satisfeitas, foron o resultado de tan insistente reclamación a quen tiña a obriga e as competencias para solucionar os problemas de Ribadeo. E o cumplimento desa lei que tanto invoca agora o PP local, tanto obriga á Xunta na distribución equilibrada e xusta dos recursos entre todos os galegos, como ó Concello de Ribadeo.
 Faltos de imaxinación, insiste o PP unha vez máis na absurda idea do interese que ten o alcalde de privatizar a xestión da residencia, como única saída a este problema. Está privatizada, acaso, a xestión do Hospital-Asilo? Son esaxerados os emolumentos que se cobran ós usuarios desa residencia? Pensa o PP convencer con estas acusacións ós veciños deste concello das súas rectas intencións ó facer estas afirmacións?
 Critican o rexeitamento do alcalde ás prazas concertadas que ofrecía a anterior Conselleira. Queren dicirlle ao pobo de Ribadeo pra quen serían esas prazas? Prós veciños deste concello ou para todo Galicia? Porqué non lle fixo o PP a mesma oferta ó alcalde Foz?
 Por que dirixen todas as súas falaces acusacións contra persoa do alcalde de Ribadeo, cando a realidade é que as decisións son acordadas e asinadas por toda a Comisión pro Residencia? Por que será?"

 Obras de José Mª Rodríguez

 

Ningún comentario: