20151126

Residencia: co informe de secretaría pásase páxina

En Ribadeo, a presentación do informe de secretaría nunha longa xuntanza antonte, a situación estimo que quedou despellada. A nota de prensa da alcaldía (embaixo copia) non ten a contundencia do informe de José Antonio Carro Asorey, secretario municipal, que en oito páxinas desgrana lexislación, antecedentes e fundamentos xurídicos para chegar sen ningunha dúbida a que a situación actual non necesita rectificación algunha por parte do concello. Informe que foi acompañado por un groso volume entregado ós presentes no que se glosou todo documento que pasou polo concello relativo á residencia e ó seu financiamento. A contundencia da xuntanza queda fóra de toda dúbida.
Outra cousa é que a menos de un mes haxa eleccións e conveña saír nos papeis e armar confusión sobre o tema. Aí está a prevista interpelación hoxe de Balseiro no Parlamento Galego, onde é probable que a verdade se retorza polos intereses anteditos. Neste sentido, estimo que non estaría mal que se colgara en internet os dous documentos referidos, informe e glosa documental, que é unha historia da xestión realizada ata o momento: polas súas características de termos xurídicos e tamaño, quizáis pouca xente leería nin unha parte considerable, pero sería un feito estimable en canto a transparencia se refire, aínda que estimo fai falta un cambio de mentalidade para levar transparencia a documentos entre administracións, algo que por outra parte, é necesario.
Deixo ademais outra visión, a de José Mª Rodríguez. Ambas son complementarias.

NOVO PACTO DE ESTADO POLA RESIDENCIA
Fugit irreparabile tempus. Foxe o irreparable tempo!. Pasaron xa máis de catro anos. A voz do pobo de Ribadeo era unánime: “necesitamos unha residencia”. Pero converter en realidade o seu desexo estaba en mans dos políticos. E o pobo convocou os seus políticos. Convocounos a un pacto. Un por un. Estás disposto a loitar co pobo por unha residencia para o pobo, antepoñendo esta necesidade a lóita partidista? A nobreza dos nosos representantes impúxose. E a resposta foi inmediata, clara, sincera e unánime: Si! E os políticos deron un paso adiante. Aparcaron todo protagonismo partidista. Foi así como naceu aquel Pacto de Estado en Ribadeo. Loitar todos xuntos por este obxectivo.
Pro, e os cartos? En mans dos políticos. E empezaron as reunións, os estudos, os contactos. Convencer ás administracións. E así se empezou a andar un difícil camiño. Todos xuntos. Os seus froitos: Unha residencia na rúa Paco Lanza.
Pro houbo eleccións locais. Chegou xente nova. E o Pacto tambaleouse. Días de divagaciones, acusacións, desconcertos e enredos. Empezou lóita partidista. O futuro da residencia corre perigo. E, mentres tanto, os nosos anciáns seguen condenados ó desterro. A voz dos veciños segue clamando. Hai que retomar o diálogo e o consenso. Dar prioridade a esta grave carencia dos nosos anciáns. Apelar á nobreza dos sentimentos. Retomar o Pacto de Estado de Ribadeo. Primeiro a residencia. A política partidista despois. Esta é a voz dos veciños e a petición dos anciáns.
Parece que xa se aclaran as cousas. Atísbanse solucións. O Pacto pódese e débese restablecer. As augas poden volver á súa canle. Todos xuntos pola residencia. O pobo míranos. Piden que os nosos anciáns regresen do seu exilio forzoso. Que morran xunto ós seus. Que este soño convértase por fin en realidade. Chegou a hora volver a dar cada quen un paso ó fronte. Logo xogaremos á política. E a quen Deus lla dea, San Pedro lla bendiga. Pro primeiro os nosos vellos.
José Mª Rodríguez Díaz


Nota de prensa da alcaldía:
"Residencia de maiores
25/11/2015
Onte tivo lugar unha xuntanza da comisión pro residencia de maiores. O alcalde, Fernando Suárez, fíxolles entrega a todos os membros dun tomo con toda a tramitación e o traballo realizado ao longo de tres anos, “xa que hai moita xente que non estaba na Corporación Municipal anterior”. Tamén lles entregou un informe da Secretaría Municipal que nas súas conclusións subliña que o Concello conta con todas as autorizacións pertinentes para a execución e construción do edificio e que a Xunta dispón dun informe de viabilidade da residencia enviado polo Concello hai meses e que ao finalizar as obras será cando se presente un novo, non antes.

Suárez Barcia contou que "onte celebramos unha xuntanza da comisión pro residencia, que está conformada por representantes de todos os grupos políticos da Corporación Municipal así como tamén os representantes das asociacións de veciños. Quixen convocar esta reunión da comisión para darlles a todos os representantes un tomo con toda a tramitación dos tres anos de traballo para que este soño colectivo se estea tornando en realidade, dado que algúns dos actuais representantes dos grupos da Corporación non formaban parte da anterior; polo tanto igual tiñan información polos seus compañeiros pero igual non dispoñían de toda a información documental. Démoslles a todos un tomo completo, con toda a tramitación mantida tanto coa Deputación Provincial de Lugo como coa Xunta de Galicia. E ao mesmo tempo tamén lles demos a todos un prolixo informe da Secretaría Municipal, onde se clarifica e onde se pon negro sobre branco toda a situación legal tanto da construción da residencia como no relativo ao tema das posibles subvencións tanto da Xunta de Galicia como da real da Deputación de Lugo a día de hoxe".
O alcalde subliñou: "no que ten que ver coas conclusións deste informe de Secretaría, din que en primeiro lugar o Concello de Ribadeo conta con todas as autorizacións pertinentes para a execución e a construción, segundo a autorización da Consellería de Traballo de febreiro do ano 2014. Tamén di que no tocante á achega do informe de viabilidade da residencia, do que tanto se ten falado ultimamente, o Concello de Ribadeo xa aportou dito informe o 2 de maio de 2014; polo tanto, a xuízo do técnico, enténdese cumprido este requisito, que si efectivamente no momento en que rematen as obras a propia Xunta dispón na súa autorización do ano 2014 que se deberá emitir un novo informe, pero sempre que rematen as obras. E, como di o secretario, non ten sentido emitir tres veces o mesmo informe de viabilidade e non duplicidade. Polo tanto non se pode facer unha vez para a firma do convenio, outra para a posta en funcionamento e unha terceira para prestar o servizo".
E engadiu: "di ademais, no tocante á xestión, que unha vez rematada a construción haberá que estar ao disposto na lexislación nese momento, sendo aventurado pronunciarse ao respecto por parte do secretario debido á normativa cambiante nestes últimos meses e tendo en conta que o 1 de xaneiro de 2016 entrará en vigor o disposto na disposición transitoria da lei 27/2013, que di que os servizos sociais pasan a ser competencia das comunidades autónomas. E que logo finalmente en todo caso desde o ano 2014, di o técnico municipal, temos recibido un borrador de convenio para asinalo por parte da Xunta de Galicia, ao que no seu momento se fixeron suxestións e cambios, porque un convenio é un acordo entre dúas partes e non é un trágala, por suposto, e desde aquela, desde agosto de 2014, estamos esperando a que se nos conteste".
Suárez Barcia indicou hoxe que "en definitiva, o que pretendemos o goberno municipal e entendo que todos os grupos, e o oxalá poida referirme a todos outra vez e confío en que así sexa, estamos traballando, e espero dicilo no nome de todos, para unificar esforzos para rematar a residencia máis aló dos avatares políticos e dos rifirrafes que ás veces aparecen nos medios de comunicación. Pretendemos chegar a bo porto para que a residencia se remate, como así vai ser, e para que se poña en funcionamento, como así vai ser. Pero ademais, sé e posible e é recomendable e san, que o resto de administracións con competencias na materia que aínda non puxeron no seu grao de area o poidan poñer. E é polo que confiamos en que a Xunta de Galicia nestes vindeiros días se decida a mover ficha. Esperámolo e desexámolo polo ben non do goberno municipal senón dos veciños e veciñas, que é o que estivemos facendo sempre entre todos nesta comisión".
"

 Obras de José Mª Rodríguez

 

Ningún comentario: