20151115

Vaia espectáculo. Artigo de José Mª Rodríguez Díaz


A continuación, o artigo de José Mª Rodríguez sobre a postura actual e pasada do PP sobre a residencia.  Na miña opinión, o que pretende o PP/Balseiro coa polémica, é que se fale do PP, seguindo aquela sentencia de propaganda: que se fale, aínda que sexa mal:

VAIA ESPECTÁCULO

O que naceu como un soño de concordia entre os representantes políticos e os veciños do Concello de Ribadeo acábase de converter nun verdadeiro espectáculo vergoñoso, organizado e dirixido polo PP, baixo a batuta do seu Secretario, o Sr. Balseiro. Que pretende? Desacreditar ó actual Alcalde. E como? Facéndoo culpable dos incumprimentos da Xunta coa residencia. Pra que? Pra remover o principal obstáculo que ten o PP pra facerse coa alcaldía de Ribadeo.
 
A residencia, dende o sur, en obras (20151110)
O Secretario Xeral do PP, que nunca se interesou por esta vila, preséntase agora como o seu titor e protector. Pretende conseguir deste xeito o perdón dos veciños de Ribadeo polo mal comportamento da Xunta e os seus votos futuros nas vindeiras elecións.

A súa estratexia: lanzar sobre a persoa do Alcalde desta vila todas as súas frechas, aínda sabendo que todas as actuacións do Alcalde responden as decisións tomadas pola Comisión pro Residencia.

Pra iso non dubida en acudir a mentira: acusalo de estar bloqueando a colaboración da Xunta durante quince meses. A que foi tantas veces, pregunto, a Comisión pro Residencia a Santiago, Sr. Balseiro? A pedir axuda ó PP ou a bloqueala? Vai convencer con estas mentiras ós veciños de Ribadeo?

Se de verdade o Sr. Balseiro, e con el o seu PP, queren unha residencia pra Ribadeo, tal como din, que o demostren cos feitos. A posición da Xunta sobre esta residencia foi, durante longo tempo, negativa. As repetidas instancias dos veciños de Ribadeo á Consellería de Benestar solicitado esta residencia foron sempre ignoradas. As primeiras respostas da Consellería á Comisión pro Residencia, á que ó primeiro se negaba a recibir, foron sempre de rexeitamento. Afirmaba a Conselleira que en Ribadeo non había demandantes en lista de espera, e que, en todo caso, o ideal que pretendía a Consellería era o de coidar ós maiores nas súas propias casas.

Onde estaba o Sr. Balseiro e o seu PP cando un pequeno grupo de veciños pisaba tódolos barrios deste Concello pra recoller a opinión dos veciños sobre a necesidade dunha residencia? E agora sáenos o novo PP dicindo que eles son os primeiros interesados nesta residencia. Lédame a súa nova postura, pro non é iso tentar recoller o que outros sementaron?

Cando o Sr. Balseiro acusa ó alcalde de que está a manexar a algúns representantes dos veciños, debe saber algo ó que o PP non está acostumado. Que os veciños convenceron ós portavoces políticos, incluido o alcalde, de que son eles os que han de estar a disposición das inquedanzas dos veciños, como así fan, agás o novo PP.
 
Vista leste da residencia (20151111)
Esíxelle agora o Sr. Balseiro ó Alcalde de Ribadeo que achegue un Informe sobre a xestión e financiamento da residencia. Un Informe como o do Gaiás, Sr. Balseiro? Esixiu ese Informe a Xunta de Fraga pro seu descomunal investimento no Gaiás? Coñece xa o Sr. Balseiro, a quen corresponderá esa xestión e financiamento? E agora o Sr. Balseiro, non contento con descualificar ó Alcalde, pide - suponse que ós veciños – “que non se siga defendendo a un alcalde que cos seus actos de bloqueo pon en perigo a financiación da residencia”. Quen politiza agora este proxecto, Sr. Balseiro? Un proxecto que naceu baixo o compromiso de todas as forzas políticas como un ben superior dos veciños, renunciando pra iso a todo lexítimo proveito partidista, acaba agora sendo utilizado polo PP do Sr. Balseiro, pra tratar de derrubar ó alcalde de Ribadeo. Tarde piaches. É que non lle serviron de experiencia os resultados das pasadas eleccións locais, Sr. Balseiro?

Ningún comentario: