20151216
A Terra non é importante
Que é a nosa casa común? E que? Nas casas grandes sempre houbo espacio abondo para ter as habitacións boas e os cuartuchos de servicio. E parece que, aínda que pequena, a Terra preténdese que sexa así.
E non só en París, procurando ganancias duns fronte a todo o resto, co que aplicando a teoría de xogos está demostrado que saímos todos perdendo aínda que algúns podan perder máis ca outros, senón tamén 'aquí'. Este 'aquí' é España, un lugar onde o domingo 20 se celebran eleccións, onde levan bombardeando propaganda, acusacións e improperios xa tempo, á vez que se agochan temas e datos fundamentais. Temas e datos como os relacionados co clima e a postura no cumio de París. Porque, a ver, alguén sabe que fixeron os nosos representantes no cumio a máis de algo xenérico como 'desexar que a Terra non se quenza'? E iso é porque non hai información que corresponda con ese tema: a Terra non é importante como para manternos enterados, falemos do ben que vai a macroeconomía... que aí si hai cifras, aínda que non coincidan coa economía que hai que facer na casa. Por certo, economía, se imos do dicionario da Real Academia Española, atopámonos con que ven do grego, οἰκονομία, oikonomía, de οἶκος, oîkos 'casa' e νέμειν, némein 'distribuir', 'administrar', dando como primeiro significado "Administración eficaz y razonable de los bienes". Ou sexa, que a palabra ven da idea da distribución de bens da casa. Da nosa casa, entre os habitantes dela, pasando en teoría a ser esa administración 'eficaz e razoable' dos bens, así, en xenérico. É dicir, dos bens de todos na casa común.
Como poden enganar as palabras...
Etiquetas:
eleccións,
Meteoroloxía,
política,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario