20151202

As rutas das crestas, artigo de Pancho Campos

Existen desde épocas moi remotas uns sendeiros, ou camiños máis ou menos anchos, por encima dos lombos das cordales ou cordilleiras montañosas que se chaman “rutas das crestas ou das cristas”, traducción do antiguo vocablo xermánico “hrycgweg” que pasou o inglés como “ridgeway”. Aínda cós romanos aproveitaron estas primitivas sendas por estares o terreo endurecido e compactado, fruto dos milleiros de pisadas que durante centos de anos fixo o andar dos homes e dos animais cós acompañaban, eles, para avanzar máis rápido coas lexións e as súas comitivas acompañantes, perfecionáronlas ensanchándoas e solándoas con pavimentado de pedra en grandes e medianas lastras concertadas. A vía romana facilitaba o paso das rodas dos carros e o andar a pé dos peóns, así mesmo, formaba parte dun elemento esencial da estratexia militar: asegurar dende a retaguardia o subministro rápido de todo tipo de avituallamento de víveres e armamento que necesitaba o exército en campaña.
Construíron así as “vias romanas” ou “strate” que en galego chamamos “estradas” e inglés “Roman roads” e “streets”. Hoxe en día por aquelas vellas sendas de amplo horizonte ou metidas entre corredoiros rocosos, vense algúns excursionistas practicando sendeirismo, pero mesmo algúns outros suben ós pelados riscos das rochas e fan rutas deportivas de montañismo polas paixases semicaóticas de pedreiras e de bloques graníticos e de pizarra, e mesmo de grandes balocos de seixo rotos polo fenómeno da xelifracción, ou xeo-desxeo dos períodos glaciares que modelaron o noso contorno.
O andar por deporte permítenos sentir e palpar o duro, e seguramente triplicado esforzo, que era para aqueles outros primeiros homes transportar “vida e facenda” ás costas ou axudados por animais, somentes procurando sobrevivir. Eu quero pensar que aquelas xentes prehistóricas de pobos e etnias, posibelmente desaparecidas, tamén quixeran relacionarse entre sí e facerse partícipes das respectivas sabedorías culturais, menciñais e riquezas de que dispuñan.
Nas Terras de Ribadeo, Trabada e Barreiros, as cumes arredondadas das cordales montañosas están cheas de vestixios destas sendas ancestrais e milenarias. Nuns sitios, onde mellor se ven, as rutas das crestas pasaron a formar parte dalgún tramo dos camiños reais medievais, e noutros están desviados daqueles ¿por mor de que tamén houbo un cambio poboacional hacia asentamentos castrexos (século VI a.C.) moito máis recentes cos sendeiros?... Posiblemente, pois chama a atención nestes recunchos de historia viva e esquecida, cas sendas estexan moi preto de asentamentos prehistóricos como as mámoas de Comado, do Mondigo, das Pallaregas, da Cadeira, e quen sabe cantas máis están enterradas e esquecidas, asentamentos funerarios ou santuarios donde aquelas xentes se paraban a pregar os seus deuses ou deixaban sinal dos seus mortos. Aparecen tamén, pequenos menhires, algúns chamados “marcos” como o da Pena Verde que hoxendía sirve de lindeiro entre os concellos de Trabada, Ribadeo e Barreiros. ¿Cantos se viron e verán destruídos pola ignorancia dos prantadores de eucalitos ou dos facedores de pistas?
O marco da Pena Verde, no artigo 'Curiosidades á vista en Ribadeo este fin de semana'

En fín. Pero ¿a donde se dirixian os sendeiros das crestas? Seguramente a ningún lugar concreto, diferencia a como hoxe nomeamos as estradas polo nome dunha poboación a que nos levan, como por exemplo: estrada de Lugo, de A Coruña, de Oviedo, de Santiago. Máis é de crer, questes sendeiros das crestas ou camiños altos, eran aqueles por onde andaban os homes transhumantes ollando o horizonte a porcura de caza e de pastos para o seu gando preto de pequenos arroxos e de boas fontes dauga para abeberar. Por outra banda, ó estar situados no alto, servían de atalaia para distinguir outras xentes que se acercaban polo val ou polas ladeiras, e se semellaban hostiles, ou mesmo inimigos, dáballes tempo de agocharse con antelación ou de prepararse para a defensa.
¿Porqué coa chegada dos romanos se esqueceu a linguaxe daqueles íberos e logo dos celtas que habitaban estas terras? Quizais por que tiña moi pouco en común a vida duns e doutros, ou quizais porque os romanos que dominaron o territorio, xa tiñan na súa linguaxe, o latín, todas as palabras que necesitaban para nomear as cousas, ou quizais por aversión duns e doutros. Pero sen dúbida a proto-historia galega perdeu moitas das súas tradicións e costumes por haber esquecido a súa orixinal linguaxe e o seu culto primitivo. Os celtas aparecen no século VII a.C. encambio as fontes da nosa linguaxe actual datan do século II a.C. en diante, no século V hai inscripcións gaulesas e no século VIII textos longos de gaélico...
Canto máis leo a nosa historia antiga, máis pena sinto de nós, os galegos. Cando escoito falar a algúns políticos, con traballo eventual e a turnos, en contra da enseñanza da nosa lingua galega, síntome realmente a disgusto con todos eles, incluso noxo da política institucionalizada nun sistema democrático no que, parece ser, que sóio se poden esixir dereitos, e os políticos non teñen responsabilidades nin obrigas de ningún tipo, posto que non existe nada cós faga saltar da poltrona de inmediato ante calquera falcatruada de mala praxis no cargo ou de esquencemento das súas obrigas, que para eles son máis irrefutables cós seus dereitos de cidadáns, pois as súas obrigas compétennos a todos, non soio a eles como tipos individuais. A “dedocracia” sistematizada de candidatos, espero que nestas Eleccións Xerais desapareza, e se lles poida esixir ós candidatos votados un arduo esforzo para poñer en valor o noso patrimonio común. ¡Queremos ser un pobo de acollida e non unha mina de emigrantes cualificados sin retorno! ¡Temos riqueza dabondo para quedarnos, nono esquezan os políticos, só é necesario traballar tódolos días... e para eso están vostedes, para buscar as fontes de esa riqueza na Nosa Terra, non en Dinamarca!
Francisco José Campos Dorado

Ningún comentario: