20151211

Última hora da Residencia de Maiores de Ribadeo

Esta mesma tarde foi difundida a seguinte nota de prensa:
"
A comisión pro residencia de maiores ven de manter un encontro co presidente e co vicepresidente da Deputación de Lugo aos que lle acaban de solicitar que a institución provincial asuma a partida que a Xunta de Galicia non aporta para o remate desta infraestrutura. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "fomos moi ben comprendidos". A Deputación estudará agora esta petición.
Onte, xoves, celebrouse unha xuntanza da comisión en Ribadeo. O rexedor contou que "os membros da comisión pro residencia, que sempre estivo composta por todos os representantes dos grupos municipais e tamén polos das asociacións de veciños, na tarde noite xuntámonos para preguntarlle ao representante do Partido Popular si estaba de acordo coas actuacións que levamos feito ata agora e cos informes técnicos e xurídicos que se foron emitindo nestes últimos tempos e botaron absoluta claridade sobre todo o proceso, que se está facendo correctamente. Pero lamentablemente o representante do Partido Popular descolgouse. Os membros do BNG, do PSOE, de Ciudadanos, os representantes das asociacións de veciños e tamén do PP expuxeron cada un a súa opinión, pero lamentamos que finalmente o PP, rompendo a tradición, descolgouse desta comisión. Por iso despois o resto de membros acordamos por unanimidade seguir traballando para que a residencia sexa unha realidade, como está sendo".
Esta mesma mañá, en Lugo, representantes de Ribadeo e da Deputación
De esquerda a dereita, José Mª Rodriguez, Antonio Veiga e Darío Campos (vice e presidente da Deputación), Fernando Suárez, Roberto Ramos, Marta María Saiz, Mª Sonia Meilán e José Antonio Ares.

Nesa xuntanza, explica o alcalde "acordamos pedir unha audiencia co presidente e co vicepresidente da Deputación, reunión que vimos de ter esta mañá. Fomos recibidos por eles dous toda a comisión, recolleron con moito interese a nosa petición, que consiste en que en vista de que a Xunta nos está poñendo múltiples trabas, que saben son inxustas e que non poñen en Foz nin noutros sitios, lle pedimos á Deputación Provincial de Lugo que asuma o compromiso da Xunta de Galicia, que non cumpre. Expresámoslles polo tanto a nosa petición, que vai ser sometida a estudio; aportámoslles toda a documentación e saímos coa satisfacción de ver que fomos moi ben comprendidos sobre o problema que ten Ribadeo, que non debera ser problema".
Suárez Barcia considera que "deberíamos estar todos xuntos, porque agora estamos todos os que somos pero non todos os que deberíamos estar, porque o PP tamén tería que estar. Pero lamentamos que o Partido Popular se descolgue de estes asuntos, porque todos os grupos podemos discrepar de moitas cousas e do enfoque do mundo, pero estamos todos de acordo en que a residencia ten que ser un exemplo para Ribadeo. Sempre foi así e por min, polo representante do PSOE, polo de Ciudadanos e polos das asociacións de veciños así vai seguir sendo".
"
Non faigo ningún comentario: seguro que haberá algunha nota de prensa ou artigo en contra pola parte que se autoexcluiu.
Documento presentado (pode verse individualmente e ampliado premendo co rato sobre as imaxes):

Ningún comentario: