20160110

5000 números de La Comarca

Onte foi o número 5000, saíu á rúa o especial e celebrouse a festa, con intervencións diversas no cine-Teatro e pinchos despois. O cine, case cheo. A novidade, o novo formato a cor. Máis? As espectativas que xera o que a empresa editorial se preocupe pola imaxe do produto, máis que as verbas que se podan dicir e que, nun momento así, son máis ou menos encamiñadas á loa. E, tamén polo momento, dicir que a comarca seguirá en papel.
Invitación para a ocasión
 O Tesón e a comarca, conectando burbullas 
A modo de introdución, a estas letras quizais se lle poderían poñer de título algo así como ‘O Tesón como punto de apoio e A Comarca como nexo para a sociedade’. Pero é demasiado longo e abstracto. A idea de conectar burbullas, persoas, asociacións, institucións, empresas, é mais manexable, gráfica e realista, correspondendo co que se lle pide e fai a comarca e o que intenta a nosa asociación. 
Unha nota máis antes de continuar, para entender o título e algunha outra cousa: La Comarca del Eo foi, e e esperamos que será moito tempo, para nós, e diriamos que para unha parte importante da xente que a coñece e escribe, le e fala dela, a comarca, algo que e común, de andar pola casa, non un sinxelo nome propio por moito que lle corresponda. Ese é o sentido da minúscula: non un rebaixe, senón unha integración natural na comunidade. 
5000 números quere dicir que o número 1 da comarca viu a luz un dia aló por 1919. Cando a comarca naceu, non existía O Tesón. Si existía, dende tempo atrás, o banco de area de aparición cíclica na ría, pero non a asociación que leva o seu nome, que esperaría a ter vida en 2003, cun nacemento que remataría sendo referido pola comarca, a mesma publicación que daría cumprida conta das andanzas da asociación ó longo da ducia longa de anos de historia. Unha historia que é densa, pero maniféstase moi curta en relación ó semanario. 
Dende o nacemento de O Tesón, a comarca foi un medio que puxo en contacto a asociación e o pobo, o que era natural nunha canle na que se recolleu o pulso do pobo, a súa visión, queixas, opinións… a mais de novas, creatividade literaria e tamén liortas. E se ben moitas veces o conxunto puido resultar escorado cara unha ou outra beira en competencia, tamén a propia sociedade ribadense quedou escorada en moitas ocasións na súa opinión conxunta, fora compartida ou non por nós, cando tocou a época. 
O Tesón tivo presencia no semanario de diversos xeitos. Por medio de comunicados e artigos propios (un exemplo, o 18 de xuño de 2005, co artigo ‘O Tesón e o PXOM’), ou de participantes na asociación, nova de actividades, entrevistas a membros, referencias alleas… presencia mantida con temáticas diversas, dende a petición aínda inconclusa de participación cidadá á impulsión das manifestacións de temas xa resoltos da residencia de maiores ou contra a macronave en Mirasol, ou a recollida de sinaturas polo xulgado. Das alegacións ó PXOM ás diversas xuntanzas da Mesa de Asociacións de Veciños do concello. Da loita polo Hospital da Mariña, o seu funcionamento e a súa independencia, á esixencia de transparencia institucional. Da publicación das Cartas da ría de Ribadeo á feita sobre os Castros de Ribadeo ou a visión retrospectiva sobre o Ribadeo que queremos en ‘Ribadeo no tempo, a través da imaxes’. Do impulso para recuperar As Grobas ós ciclos de charlas e cineforum sobre temas relacionados con Ribadeo e os ribadenses… 
A comarca non só ten axudado a transmitir información entre esas burbullas que ás veces son as asociacións e esas outras que moitas outras son as persoas: tamén axudou a organizar a información. E ten contribuído a configurar a historia. Por exemplo, o que foi ata o de agora O Tesón e como foi visto. Tamén e certo, nun sentido próximo ó anterior, que o interior da comarca ten marcado para nós puntos na folla de ruta, no noso particular contemplar o futuro para que o futuro saia adiante e non represente un retroceso. 
Os tempos cambian, hai unha tendencia a outro tipo de transmisión de ideas, de aviso de actividades, de análise de resultados. Pero o crisol que marca na súa historia a Comarca tamén é xa historia, e segue a ocupar un lugar destacado no presente de Ribadeo. 
E queda o futuro. Un futuro no que evidentemente haberá cambios de diversos tipos, algúns que poden ser previsibles hoxe, outros que nos sorprenderían sen que necesariamente no seu momento sexan sorprendentes. En calquera caso, dun ou outro xeito, esperamos seguir a colaborar nese futuro que pensamos mellor para Ribadeo e no que tanto a comarca como O Tesón terán o seu oco. 
Ribadeo, a finais de 2015
Algunha nota: O artigo saiu con algunha pequena variación en relación ó enviado, xerada pola confusión La Comarca/a comarca que se especificou. Ademais, orixinalmente aparecía 1920 en troques de 1919. A data precisa é o 5 de outubro de 1919, pero debido a que houbo algunhas semanas que non se publicou (non sei as datas, posiblemente tras o golpe de estado do 1936. Tampouco aparece o parágrafo final, pero iso coido é anecdótico. Acompaña ó artigo unha imaxe da Liñeira dende Ribadeo, na que en primeiro plano xurde o tesón das Figueiras.

Ningún comentario: