20160104

Proxectando 2016

Cando aínda non amenceu o primeiro día hábil de 2016 en moitos traballos, xa van baleiros varios contedores de vidro, unha conexión co pasado inmediato, sen necesidade dunha proxección cara ó futuro. En Ribadeo como noutros lugares parece que se impoñen as cousas deixando obrar ás circunstancias, sen máis. Proxectos, só ós que obrigan (PXOM), e consenso nos proxectos, aínda menos (a nivel partido e listo, ou foron valoradas e respostadas todas as alegacións como é debido?)
A vida continúa, pero os humanos, que procuramos divisións temporais para pretender dominar o tempo, temos e cada comezo de ano a oportunidade para un momento de proxecto, despois doutro de memoria, para tentar deseñar ese futuro que ambicionamos.
Non é a primeira volta que deixo algunha reflexión chamando a ver un futuro en conxunto, e sigo sen estar de acordo con aquela parte da presentación do alcalde na web do concello onde di 'Estou seguro de que todos queremos o mesmo'. Non, non todos queremos o mesmo, é evidente, dende a Residencia de anciáns con esa incomprensible para min oposición de parte dun partido político á tamén para min pouco comprensible cesión dunha emblemática illa pública para hotel privado. Pero sería desexable que achegáramos posturas, que faláramos, que estruturáramos un proxecto común que se escamotea unha e outra vez. Co concello á cabeza, mellor, pero tamén estou seguro que se non se pon o concello á cabeza, hase facer de calquera xeito, como xa se leva demostrado, coa macro nave de Mirasol, cun alcalde que non dicía nada, logo encabezou a manifestación e ós 2 -dous- días estaba apoiando a postura contraria en Santiago, ou coa reticencia inicial á residencia, ou outros moitos casos nos que a unha xente cada vez máis organizada polo ben común comeza o seu camiño de xeito independente, e logo xa se unirá quen queira unirse, mesmo vendo a súa variación de idea pola oportunidade do momento.
Seguimos a ser veciños e a necesitar dun futuro común, e cada vez somos máis e máis conscientes diso, aínda que se moitas veces se procuren futuros individuais por riba doutros futuro individuais e comunitarios.
Ben, comezamos un novo ano sen ter claro o Ribadeo que queremos (podemos dicir que 'máis rico', 'mellor'... pero iso non é consensuar, senón dicir cousas obvias) e xa vai sendo hora de que vaiamos poñendo cousas en común para falar sobre elas.
Se non, cando chegue o momento, o que faremos será discutir.

Ningún comentario: