Está demostrado que a nosa visión da realidade defórmaa, introducindo nela cuestións totalmente subxectivas. A máis de visións que poden resultar totalmente deformes en relación a unha 'media', hai outras que introducen sesgos sistemáticos, que cun pouquiño de práctica podemos descontar para pasar á visión doutra persoa, para 'ver o que ela ve'. Neses sesgos atópase a cuestión da proximidade: vemos o máis próximo con máis detalle, interiorizando que ocupa máis, que é máis importante, máis relevante... Iso ocorre dende sempre e podemos ser conscientes con cousas como a consideración de nós mesmos fronte ós demais, ou a consideración á familia ou ós amigos: unha soa persoa pode ocupar o lugar de miles na nosa dor por unha morte ou o xúbilo por un nacemento, por exemplo. Coido que non fai falta máis explicación.
Algo semellante ocorre no ámbito colectivo: a nosa entidade colectiva máis próxima ten para nós un desenvolvemento moi superior a outras máis alonxadas, aínda que o seu tamaño ou mesmo a súa influencia nas nosas vidas poda ser superior. Nembargantes, no caso colectivo é algo que non soemos descontar para poñernos na pel dos demais. Algo do que nos é máis difícil tomar conciencia que no caso persoal. Algo que quizáis deberamos exercitar como integrantes dunha comunidade para 'achegarnos' a outras comunidades.
Iso foi o que se me pasou pola cabeza cando vin o mapa 'A new yorker's idea of the United States of America', no que a zona Brooklyn ocuparía máis que o enteiro estado de Texas. E decidín facer algo semellante coa provincia, esquecendo as liñas do límite provincial que teño sabidas de tanto ver o mapa da provincia. Non me esforcei moito en poñer datos e máis datos, senón en trazar as liñas básicas. É un exercicio que recomendo. No meu caso, uns minutos deron lugar a algo así:
Unha vez que o din por rematado, pareime a pensar. Ben sei que faltan lugares como Mondoñedo ou San Cibrao, ou Sarria. Pero coido que a idea está collida, e o primeiro que me sorprendeu foi que, aínda que non apareza Mondoñedo, o que algúns chaman 'Provincia de Mondoñedo', a Mariña, está claramente ocupando un lugar destacado fronte ó resto da provincia, coa que temos contacto só a nivel administrativo pola nosa dependencia de Lugo.
Pero o caso é que a visión non debe empañar que o mapa está abondo deformado en relación ó que é o espazo físico, e debe ser o espazo físico, 'a realidade', quen guíe o noso razoamento, distinguindo que as nosas emocións nos poidan levar a considerar como 'auténtico' o 'mapa' construído a bote pronto como o que eu debuxei.
E agora, ponte a pensar en cousas como no hospital de Buerla en relación ó HULA, ou en Cataluña en relación a Madrid, ou mesmo no caso da Ponte dos Santos, tan lonxe de Oviedo que non se ve que non ten iluminación... pero diso podemos falar outro día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario