As fontes tiveron grande aceptación entre os alcaldes de grandes cidades polo seu elegante deseño e servicio, e foron encargadas tandadas delas para embelecer prazas e rúas de Barcelona, Montevideo e Londres (nota de Alvaro Anglada)
Na Rambla de Barcelona, atopamos aínda unha fonte daquela época, pola que xa non corre auga, composta dun pedestal prismático de base cadrada, catro cariátides de brazos alzados e un pináculo cuberto por pegadas estampadas a modo de tellas semellantes a escamas dun peixe, que é practicamente igual ó remate da Torre dos Moreno.
Primeira nova con ilustración da Torre dos Moreno (http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/06/bandera-catolica-e-ribadense-torre-dos.html) |
Ben, perdón, digo que é igual na forma, pois xa quixera aquela fonte pintada de verde, asemellar en beleza as Manolas e o copulino de tellas roxas brilantes da Torre dos Moreno. ¿Como é que hai esta coincidencia de diseño entre as fontes de Wallace e o remate da Torre dos Moreno de Ribadeo? Arturo Mogo, dame a explicación. A Torre dos Moreno foi construída entre 1915 y 1916 polo arquitecto D. Julián García Núñez e o enxeñeiro D. Ángel Arberk co diñeiro que mandaban dende a emigración en Arxentina os irmáns D. Pedro e D. Juan Moreno Ulloa. O arquitecto García Núñez, nacera na Arxentina, e viñera a estudar a carreira a Barcelona. Por outra banda o enxeñeiro Arberk, era discípulo de Montaner, que a súa vez fora discípulo de Gaudí, o arquitecto que combinaba as formas neogóticas con elementos barrocos modernistas, ata crear liñas de calidade surrealista.
Ámbolos dous construtores, polo tanto, estaban influídos polo modernismo e polas orientacións e innovacións estético-simbólicas que imperaban nas escolas de arquitectura e enxeñería de Francia a finais do XIX e primeiros do XX, e que pasaran a escola catalana de Barcelona. Así, o deseño dunha rica Casa Indiana, como era a Torre dos Moreno, convertiuse para aqueles profesionais nun dos primeiros retos da arquitectura europea en fábrica de edificios de formigón armado, ó que lle deron ese toque exclusivista de estilo ecléctico con toques ornamentais modernistas.
Un verdadeiro pracer para os sentidos dos ribadenses que aínda a podemos contemplar en pé, e que con tanta estupefacción a miran os miles de persoas que nos visitan tódolos anos, vendo o seu estado tan ruinoso e a punto de caer.
Algúns ribadenses, xa vellos para pelear contra dunha administración sen apelativos (boeno si, con apelativos, pero que non poden ser expresados en horas de “horario infantil”) sabemos que o edificio vai a caer de todas-todas, pois recordamos aquello que dixo o ex-Alcalde D. Fernando Méndez Sanjulián en 1884, nos “Apuntes sobre Ribadeo”, falando do despilfarro dos centos de miles de reais que costara a malograda obra de construcción da inconclusa e desaparecida Colexiata de Sta. María Ribadeo: “si Rivadeo non volve en sí, que non volverá, seus días están contados”... ¡Vaia vostede a saber, si SanJulián era profeta!
Francisco José Campos Dorado
Ningún comentario:
Publicar un comentario