Hai anos titulei unha entrada como 'en castellano, para que me entiendan'. Coido que, lograra o artigo expresar ou non o que quería, o título era abondo autoexplicativo.
En Ribadeo dase o caso de que unha das músicas claves destas datas de antroido galego é o 'carnaval, te quiero'. Unha contradición moi típica do antroido, cando é asumida como tal. En caso contrario, coido que é máis integración que contradición.
Algo semellante me levou a poñer o título deste artigo en clave de antroido, referido a outro antroido maior, ó ver un pequeno documento de attac, "El Foro de Davos se prepara para el colapso: el «Informe global de riesgos» 2016". Un artigo xugoso sobre o futuro de todos nós.
O futuro sempre é complexo, e estamos indo cara ó 'máis difícil aínda'. Mais ollado a traverso de ollos que miran o seu propio embigo e non se ven parte dun conxunto da humanidade, a cousa toma tintes teatrais, grotescos... (aplíquese/aplíquense o/os adxectivo/s que se vexa/n máis convinte/s) Certamente, quen non o vexa como antroido -o informe, a estrutura destino do informe, o que se pretende como noso futuro- está banalizando unha cousa tan seria como o antroido. E é que o caldo de cultivo do informe 'sobre riscos globais' é un baile que se pretende de mascariñas sendo unha mascarada. Un antroido que non ten conciencia de selo.
O informe ten influencia? Xulga: encargado por xente con poder, dominio e cartos, para o seu propio consumo. E por que antroido? Pois... O informe trata dos riscos para o mundo? Non, trata de riscos globais para que as elites podan seguir disfrutando dun statu quo moi favorable. E así, impide ver que boa parte da solución ós problemas que se propoñen (que son de todos, non só de elites, por moito que os vexan con outros medios ópticos) está precisamente nese statu quo contra natura. Nunca mellor dito, contra a natureza en conxunto, non so contra o '99%' de iguais na humanidade que non consideran como iguais. Un exemplo: aparece no informe como un dos grandes riscos a inestabilidade social, e esquécese que a desigualdade é a causa fundamental de inestabilidade. É algo que é mesmo visual: onde hai desigualdade, hai irregularidades superficiais e non se pode pretender que se deixamos algo nesa superficie irregular se quede tal cual sen facer un esforzo por mantelo así... por suposto, empregando recursos de todos para ir contra moitos.
Hai tempo, moito, que o desenvolvemento social foi visto como teatro. O teatro evoluciona. Hoxe pode verse como títeres, coa aparencia de tales dos representantes sociales ou por actuar estes contra títeres, elevándoos ó seu igual, ou como teatro do absurdo. O antroido extendeuse a todo o ano, e sabemos que o antroido é impredicible...
Ningún comentario:
Publicar un comentario