Iso se deduce da proposta que, en liña con outras semellantes ó longo da xeografía próxima e lonxana, valorou a ACIA e tamén, de xeito independente, ten pensado propoñer o grupo local de C's: incorporar cámaras de vixiancia en Ribadeo.
Coido que a idea foi rexeitada xa algunha vez, máis ben por custe ou por baixa delincuencia que por outra cousa. O motivo da vixiancia, o vandalismo ou os roubos, son accións imposibles de solucionar a curto prazo e que necesitan educación en primeiro lugar. Mais requírese solución rápida, e entón dise que se hai vixiancia, non haberá transgresión.
A historia di máis ben o contrario: a vixiancia favorece a transgresión selectiva, cualitativamente máis grave, favorecendo á xente que ten máis posibilidades de saltarse as normas, á que ten máis práctica... e incidindo o castigo sobre os delincuentes e delitos menores ou ocasionais, criminalizando a todos (ou hai alguén perfecto?) mentres se controla a toda a sociedade (o que require por unha parte, un esforzo, e por outra, alguén que exerza o control, que posiblemente estará encantado de exercelo e non o deixará escapar).
Por experiencia persoal, tendo a entrada do edificio vixiada por cámaras dunha entidade bancaria, podo dicir que non evitou roubos no edificio, nin que quen os perpetrou siga sen ser capturado por seguir a ser descoñecido, nin mesmo que un entrante do edificio sexa un dos lugares máis porcos de Ribadeo, con acumulación recurrente de mexos e devoltos -en particular, en días de movida-, estando no centro do pobo. As cámaras non o evitaron e seguen sen evitar esas cousas, pero si me teñen vixiado na miña entrada e saída da propia vivenda. E é que eu vivo, móvome á vista das cámaras, pero non son un delincuente profesional, e polo tanto, non estou preparado para saltar esa vixiancia que si están preparados para saltar con tranquilidade quenes delinquen de xeito habitual.
Cámara de vixiancia en fachada |
Non se trata de ter ou non cousas que ocultar, de secretismo, senón de estar baixo vixiancia e perder a intimidade en función dunha seguridade que tampouco se logra. Coido que a frase 'quen perde liberdade por ganar en seguridade perde ambas' (algo semellante dixo Benxamín Franklin) é abondo adecuada e ilustrativa.
--
Sobre a vixiancia e as cámaras en Ribadeo:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/10/o-gran-irman-cada-vez-mais-cerca.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/05/xa-votaches-agora-temosche-vixiado.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2009/12/os-santos-inocentes.html
E na UE:
http://www.europarl.europa.eu/news/en/news-room/20151022IPR98818/Mass-surveillance-EU-citizens%27-rights-still-in-danger-says-Parliament
Ningún comentario:
Publicar un comentario