20160225

Incidindo no comercio. Na época de entretempos hai que prepararse para 'tempos' máis produtivos.


Comentaba onte sobre a ACIA de Ribadeo, ACISA, e as súas contas. a raíz da asamblea anual que tiveron a pasada semana. Seguindo a mirar o comercio, dende a xuntanza ata hoxe houbo pequenos cambios que poden afectar ó panorama comercial ribadense. Un deles, sobre as catedrais: de pronto, púxose en marcha o sistema de reserva en internet para o período de Semana Santa, coincidindo co período non lectivo no ensino en Galicia. E volve a entrar en discusión o cambio de fuso horario en función dos pactos para o goberno no estado. Mais esta volta, non para Galicia, senón para todo o estado.
As Catedrais

En relación co primeiro, volta o desconcerto. Foi de pronto, non se sabe se vai a haber pases para os hostaleiros, non aparecen sinalados os días de petición cara ó verán... o que lembra os desencontros da primavera pasada, aínda que con menor intensidade e maior tranquilidade por varias razóns: é un período máis curto, e lémbrase que o pasado ano houbo reparto para todos e non houbo constancia de que en ningún momento o sistema de reserva incidira de xeito negativo no comercio, a pesar dos receos iniciais. Así pois, tranquilidade... todo parece estar atado e ben atado pola beira do comercio. En canto á protección efectiva da zona, diso continuaremos a falar.

A duración do día varía

En relación ó novo horario proposto, unha diferencia importante con negativas anteriores: mentras que na proposta feita no seu día dende Galicia para o cambio do fuso horario  galego, na que a fronteira do horario legal cambiaría de estar no Miño entre Portugal e España a estar no Eo entre Galicia e Asturias e o resto de España, desta trasladaríase ó Bidasoa, entre España e Francia. Para o comercio galego significaría unha harmonización co horario portugués sen a desconexión co horario asturiano (a relación comercial coa meseta para este efectos coido que inflúe abondo menos que a que hai a traverso da ría de Ribadeo, a mais de que estemos a falar nun blog sobre Ribadeo). E volve a haber as discusións que case se poden cualificar de metafísicas sobre se a noite no inverno chega ó tempo en Galicia e Berlín, cousa que é certa. Esquécese que considerar só ese período de máximo oculta non só o máximo de verán, no que diferencia de chegada da noite son varias horas entre ambos puntos, ou que esas mesmas horas marcan no mesmo inverno a diferenza da chegada do día entre ambos lugares, e por suposto, a diferencia media de chegada e retirada do Sol a ambos puntos. Tamén se preguntan que por que non variar sinxelamente os horarios legais de apertura e peche de locais. Ben, son medidas xerais, que ó non ser xa propostas só para Galicia, teñen unha incidencia na zona insignificante para o comercio, a pesar de que propostas de cambio anteriores si podían ter incidencia grande para o comercio de Ribadeo. Quizais as propostas actuais, o mesmo que as pasadas, teñan máis influencia para os ritmos diarios da xente.

Ningún comentario: