20160219

O peso da fama

Os culebróns producen fama machacona nos particpantes: tanto saen na pantalla que a súas caras asócianse por repetición á relevancia. É algo ó que, nun mundo dominado pola imaxe, estamos afeitos. E non nos sorprende, aínda que ás veces debería.
A conto da información en papel onte nalgún xornal, na que o alcalde se manifestaba (repito, segundo o xornal) xa canso do tema, volvo a recoller o que tratei hai poucos días ('o antroido de cinco minutos') para revisar a nova nota do concello sobre o asunto do 'pequeno Nicolás'.
Leva dito o alcalde sucesiva ou intercaladamente que aquelo non foi nada, que hai que collelo con humor, que so foron 5-7-8 minutos, que o único, a atracción mediática, que lle viu ben a Ribadeo a propaganda, ou que o tema xa o cansaba.
Imaxe da es.wikipedia.org
A min estanme sucedendo tamén unha serie de sensacións a conto do que vexo do Nicolasín e o seu séquito necesario: cando me enterei do sucedido sorrín, porque calquera pode caer nun engano, pero entendo que é máis difícil caer na montaxe dunha parafernalia en relación ó engano cando a persoa ten unhas determinadas conviccións persoais, e iso foi o que me chamou a atención. Despois, veume o desconcerto ó ver que o alcalde potenciaba a imaxe xocosa propia, e con ela, a de Ribadeo, nos medios. Non me parece que esa potenciación de imaxe do pobo sexa positiva a non ser que se considere favorecedora a fama de Lepe polos chistes graciosos que lla dan que que fan quedar ós leperos non demasiado ben parados. Si, é certo, se non fora polos chistes quizáis non coñecería da súa existencia. Pero é que en Lepe non teñen algo como As Catedrais,  que fai que o pobo teña sona ata nas antípodas por algo máis xustificado e positivo que un truculento rendemento de pleitesía á 'casa real'. Aquí, iso de 'que falen dun aínda que sexa mal', coido que está fóra de lugar. E trátase dun pobo, non de alguén que quere vistosidade de cara a unhas eleccións.
E claro, despois de ver o aproveitamento mediático dun tema que eu consideraría bochornoso, non me estraña que o alcalde estea farto dalgo que promoveu, e máis cando toca ir a declarar a Madrid despois de non serlle concedida a declaración por videoconferencia, segundo axustou a anterior nota de prensa do concello.
Realmente, estou desexando que remate o culebrón, que para chistes de certo estilo prefiro que teñan asento en Lepe e non en Ribadeo.

Ningún comentario: