Unha nota de prensa, aparentemente con motivo sobre a residencia, e unha contestación:
--A nota de prensa (do PP de Ribadeo):--
O PP pide a Suárez Barcia que “deixe de mentir e pregunta se o BNG xa se está arrepentindo de votar en contra da moción popular para garantir a xestión pública da futura residencia”
03-02-16 Ribado, 3 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal Popular pediulle a Fernando Suárez Barcia que non minta en relación coa futura residencia de Ribadeo e esixiulle ao nacionalista que deixe de empregar o informe da secretaría municipal ao seu antollo, retorcendo o seu contido e ocultando aquilo que non lle interesa.Desde o PP lembran que o propio informe* dos servizos xurídicos do Concello establece, sen lugar a dúbidas, que quen ten a capacidade para determinar a futura xestión da residencia é o Pleno do Concello e precisamente alí foi onde o propio alcalde e grupo ao que pertence, o BNG, votou en contra dunha moción dos populares na que reclamaban que se garanta a xestión pública e municipal do futuro centro, actitude da que agora parecen empezar a arrepentirse.
Por outra banda, os edís do Partido Popular insisten en que o Alcalde cada vez están máis “endiosado e lonxe da cidadanía” ata o punto de que ninguén entende que o Concello renuncie a unha achega de 500.000 euros por parte da Xunta por non queren enviar os dous informes técnicos que se lle reclaman.
Os populares consideran que Suárez Barcia é “un vago enrocado” nunha actitude de confrontación que prexudica aos intereses de Ribadeo, máxime cando desde a Xunta manteñen a súa oferta de colaboración.
RESULTADOS ELECTORAIS
Finalmente, os populares afirman que se Suárez Barcia quere comparar resultados electorais e a incidencia que sobre os mesmos ten a posición de cada grupo municipal, non debera esquecer que mentres que o Partido Popular gañou as últimas eleccións xerais en Ribadeo; o BNG, integrado na candidatura Nós, levou un batacazo monumental, ata o punto de converterse nunha forza case insignificante pese a ter a alcaldía e non ser capaz de rendabilizala.
*Conclusión 4º do informe
No tocante ao Concello é competencia do Pleno determinar se o servizo se presta e como se presta segundo recollen os artigos 22.2 f) da Lei reguladora de bases de réxime local e o artigo 97 do Real decreto lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o Texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de Réxime local.
--A contestación (de José Mª Rodríguez, comisión pro residencia):--
As burradas do PP de Ribadeo
Aínda que o refrán di “a palabras necias, oídos xordos”, despois de ler a nota de prensa que o PP local de Ribadeo acaba de dar a prensa en data de hoxe, atópome desconcertado. Desconcertado por que, a verdade, non sei que pensar da estratexia política que o PP local ten montada contra o goberno local de Ribadeo. Non sei se é que son tan, tan, tan burros, ou se é tan, tan profunda e tan intensa a inquiña e a desgusto que collen co tema da residencia, pra votar fora do concello ó actual alcalde e coller eles o seu posto, que todo lles vale, as mentiras, os embustes, os enganos, a difamación. Atópome desconcertado.
E pregúntome como son tan ilusos e ingenuos como para pra tentar facerse co concello de Ribadeo utilizando esta velenosa estrategia de enganar ós viciños, sobre todo nestes tempos nos que o seu partido, o PP actual, está a piques de desaparecer en todo o territorio nacional por estar totalmente mergullado na corrupción.
Non vou sequera pararme a comentar as burradas que din. E pregúntome, porén, se con estes elementos pensa o PP reconquistar a alcaldía de Ribadeo. Que deus lles conserve a ilusión. Só me queda o consolo de saber que os veciños, por pouco que se esforcen, teñen o suficiente coñecemento do que se está a falar e sentido común dabondo para saber de que vai o PP de Ribadeo.
... E agora podes xulgar. Se queres repasar o tema, no blog hai unha xa longa historia da residencia de anciáns de Ribadeo...
Ningún comentario:
Publicar un comentario