20160226

Ribadeo Formación e Información

A formación é necesaria para calquera cousa. En casos, sinxelamente para poder facer. Noutros, para facelo mellor.
Ribadeo, como concello, anda metido tamén no tema da formación. Polo que parece, ten pedidos dous talleres, un para guías turísticos con perfil ambiental e outro para archivo, dixitalización e xestión documental. Estarían afectadas 16 persoas por cada curso, e a cousa pinta abondo ben de cara ó seu emprego. Mais...
Mais 'Ribadeo pide' e non 'consigue', ou, mirado dende outro punto de vista, Ribadeo non fai, senón 'pide'.
Por partes. Coido que o primerio é constatar, unha volta máis, o desorde administrativo a conto e conta da proliferación de administracións con solapamentos debidos ós acordeóns presupostarios: cada administración tenta 'ampliar campo competencial' tanto a nivel legal como fáctico, o que fai en función dos presupostos e prioridades. E claro, se se trata de invadir campos, non hai moi boa coordinación, o que fai que queden como resto guerras por servizos e servizos desatendidos.
Neste caso, a petición foi do concello á Xunta, estimo que tanto por competencias como por orzamento: entre os dous cursos, o proxecto acada case os 280 000 €, e fai falta o recoñecemento dos títulos. Aparentemente, nada de invasión nin descoordinación de competencias. Mais, se non é asi, e os cursos están xustificados, cal é o problema? A priorización dos cartos prevista dende Santiago en relación coa pedida dende Ribadeo? a falta de comunicación entre as seccións institucionais correspondentes? O verse afectados os diferentes niveis políticos de enfermidades partidarias diferentes? Ou será que ten que entrar algunha organización privada polo medio para que a cousa tome carta de natureza?
Descoñezo o por que da negativa nin máis entresixos, é dicir, 'quen ten a razón', se non é compartida a senrazón, mais repito, os cursos poden potenciar o emprego de 32 persoas cun rendemento considerable: está visto o tirón das necesidades turísticas, e non só en Ribadeo, senón en zonas próximas, e co paso ó dixital, o arquivo, a dixitalización e a xestión documental teñen futuro aquí e na China. Polo tanto, sería boa cousa que, se se pode amañar, se amañara e o tema comezara a funcionar.

Collido de http://ascatedrais.gal/ascatedrais/xeorutas/

Chámame a atención que, despois de ser pedido e ó que parece non concedido, non haxa unha nova oficial a traverso das novas do concello, para información e/ou propaganda da situación, e ma chama algo menos que non exista unha referencia na páxina do concello para espallar o que se pretende e recoller información sobre xente interesada ou aportacións para mellorar o proxecto. Pero xa sabemos que debe ser moito máis doado pedir unha escola taller que facer prácticas de participación cidadá (neste caso, non se valora o título)

Ningún comentario: