20160227

Velutina!

Onte tivo lugar no salón de actos da casa do Mar de Ribadeo a presentación dunha nova asociación ribadense, os Abelleiros, e con dito motivo, unha charla sobre a avespa velutina e o seu combate.
Antes da charla
Na charla participaron Víctor Cao, como representante de Protección Civil de Ribadeo, Marcos Villamil, presidente dos Abelleiros (con xersei a raias na foto), Vicente Castro, concelleiro ribadense de Medio Rural, José Mª Vázquez, empresario exterminador de velutinas (Servicios Privados Antivelutinas, SERPA), e Antono Valea (de pé na foto), secretario da asociación.
Antes da propia charla saíron a relocer algúns datos sobre a velutina, como que no concello de Ribadeo o ano pasado foron detectados arredor dun centenar de niños de velutina, dos que uns 55 foron retirados por protección civil e a asociación, outros 35 por Tragsatec e quedan uns poucos por retirar. Tamén se falou da dificultade da eliminación de niños pola altura, a disposición de traxes especiais para protección civil, ou a necesidade de presenza dun curso de auga próximo ós niños, pois a súa construción implica o cementar cortiza/madeira con auga, a modo dunha celulosa natural coa que van facendo capas circulares. Tamén saíron críticas diversas contra Tragsatec e o programa e protocolo da Xunta (que se son chamados e ás veces nin aparece, e cando aparecen e retiran o niño quedan avespas fóra  que poden crear outros niños por ser de día e estar en actividade, que ademáis, se se ten nova doutros niños próximos, non actúan na mesma visita senón que din que hai que chamar antes e que xa volverán, etc). Ás críticas, engadiría como curiosidade para sorrir, mais indicativa de como se fan algunhas cousas a nivel oficial, que no folleto repartido na charla, da Xunta, a ligazón para información non era esta, senón a correspondente para a versión castelá, estando o folleto en galego.
Unha nota antes de comezar co tema da charla: coido que tería vido ben o pase dunha presentación como a realizada por Pablo Vivero e Román López sobre o avance da avespa velutina na Península Ibérica (sempre en desenvolvemento) para facerse unha idea do problema e o seu desenvolvemento (1, 2, 3) ata as dimensións actuais:


A charla en si foi desenvolta en cuestións xerais sobre a avespa velutina por Antonio Valea, e en relación á loita contra ela, por José Mª Vázquez. Paso a detallar os puntos fundamentais, con algunha indicación máis:
O ciclo das velutinas implica que cara ó fin do inverno ou comezo da primavera, máis ou menos a época que agora comeza, as raíñas constrúen un niño pequeno, primario, duns poucos centímetros e que soe estar situado por baixo dos dous metros de altura, co que pode ser un perigo mesmo para o xogo dos nenos. Alí é onde comezan a ter descendencia e que van ampliando elas mesmas ata un tamaño duns 20 ou 25 cm de diámetro. Cando as obreiras xa están desenroladas, comeza a construción dun niño secundario nun lugar próximo, coa supervisión diaria da raiña ó caer o sol, con visitas de 1/4 de hora a 3/4 de hora. Cando este niño acada uns 35 cm de diámetro, a raíña comeza a poñer nel, múdase e pasa a ser o niño primario, que segue a desenvolverse, chegando ata uns 80 cm de diámetro. A partires deste, co aumento de tamaño da colonia, poden formarse outros dous ou tres niños secundarios en zonas próximas, cobrendo o espazo onde hai alimento e manténdose afastados das zonas colonizadas por outros grupos. Un lugar de preferencia de asentamento son os ameneiros, e tamén as nogueiras, servíndolles de alimento o pulgón que viven nelas. De calquera xeito, parece que os ciclos poden solaparse uns cos seguintes pola diferente climatoloxía de zonas próximas, podendo variar lixeiramente as épocas de cada fase. Asemade, se un niño é destruído, deixa lugar para crear outro novo na zona de alimentación do destruído, seguindo a norma de ocupar unha zona asegurada antes de expandirse. Unha curiosidade: os niños son abandoados polas raíñas despois da invernada, pode ser para evitar as consecuencias da invasión de parásitos ó que pouco a pouco se ven abocados.
Boa parte da comida, estando dispoñibles, son as abellas, pero tamén atacan outros insectos ou froita.
Parece que o sentido máis desenvolvido é a captación de son, pois 'escoitan' ás compañeiras nas trampas a unha distancia de 25 m, mentras que a vista só as orienta a uns 10-12 m e o olfato a cousa de 5 m.
Os sentidos das avespas son limitados: así, tense dado o caso de deixar algunhas abellas como alimento nun lugar con avespas xa alimentadas, e, ó non ser atacada ó comezo, logo non ser atacadas, senón mesmo coidadas polas avespas, debido quizáis a ser impregnadas coas feromonas correspondentes ás avespas.
A distinción entre a velutina e a especie común tradicional da zona, a avespa Crabro, con máis segmentos amarelos e de algo maior tamaño, non é dificultosa na teoría. Outra cousa é facelo coas avespas próximas en movemento. Ou a distinción das raíñas, doada nos niños pequenos, nos que o resto non se ten desenvolto aínda, pero dificultosa nos grandes, onde o tamaño das raíñas é só un pouco maior.
Para distinguir entre avespas.

Sobre como combater a invasión, partindo da base de que ninguén pensa en 'ganar unha guerra' senón en 'manter a raia ó inimigo', hai varias opcións segundo a fase de desenvovemento que se atopen as avespas na zona.
O primeiro, o trampeo. As trampas con botellas de plástico son sinxelas de facer; débeselles deixar na parte superior furados duns 5-5,5 mm de diámetro para saída de mosquitos e outros insectos, e a súa época propia de uso máis eficaz é cara a marzo, cando se poden atrapar as raíñas despois da invernada e aínda non formaron niño.
Modelos de trampas caseiras. Hai outros modelos comerciais no mercado, con atraíntes químicos, diferentes formas, zonas máis obscuras e máis claras...
Hai que ter en conta que as trampas tamén entrampan as avespas crabro, as normais da zona, que resultan beneficiosas entre outras cousas porque son inimigas naturais das asiáticas (velutinas).
Outra solución é a retirada de niños. Axustou José Mª que o pasado ano retirou 732 niños mediante o uso de lume (o último, na propiedade dos Calvo-Sotelo en Ribadeo). A súa empresa pode eliminar entre 3 e 4 000 niños ano. O lume é un medio ecolóxico, non contamina, ó revés que o uso de biocidas (máis aínda, tendo en conta que se usan próximos a correntes de auga) e máis efectivo, pois non axuda a 'sementar' de niños a zona: as avespas que podan estar fóra, síntense atraídas pola luz e perecen queimadas, ou, se xa se apagaron os rescoldos, quedan pousadas sobre o niño ó sentir aínda a atracción das feromonas. Naturalmente, para o queimado de niños hai que aplicar un protocolo, no que figura en lugar preeminente a ausencia de vento que poda espallar as lapas. O sistema, ó igual que a retirada  de niños, enfróntase a dificultades como a altura á que se atopan algúns (con pértigas chegan a atacar niños a 50 m de altura). O idóneo sería facelo de noite, con todas as avespas no niño, pero a dificultade de localización increméntase na obscuridade, e o uso de lámpadas implica luz, sendo os animais atraídos cara ós focos. Así, unha retirada de día debe ser seguida dunha vixiancia uns dez días despois, para evitar a reformación do niño.
Niño de velutina amosado na XXI Feira da Ciencia de Ribadeo (2016)
De calquera xeito, para retirar, queimar ou, en xeral, atacar un niño, necesítase saber onde está. E ás veces non é doado, oculto entre o follaxe das árbores en altura. Por iso a observación de onde chegan as avespas para o ataque dunha colmea indícanos, en liña recta, onde está o niño.
Unha terceira solución para unha fase máis avanzada é o dispositivo protector de panais, consistente nunha caixa grande de arpilleira, que deixe ás abellas un lugar arredor do panal para esparcirse libremente, e que as permita pasar a través dos furados da rede, pero que non permita facer o mesmo ás avespas, de maior tamaño. Poden voltar cargadas de pole a partir duns furados que tampouco deixan pasar a velutina (tórax de velutina, 6-7 mm de diámetro; de abella, 3-4 mm) É un dispositivo a instalar a comezos do verán, antes de que o ataque teña intimidado ás abellas e faiga que non saian. Tamén se lle pode acoplar unha 'cortina' con tiras de malla que dificulte a evolución das avespas na proximidade dos furados maiores para o paso das abellas con pole (hai que ter en conta a orientación desta zona de entrada preferente, estudando antes a altura de saída das abellas).
Despois comentáronse diversas cousas:
-As abellas deféndense xa aquí por un sistema que treñen adoptado de xeito tradicional en Asia, o arrodear ás avespas e facer que aumente a súa temperatura, co que morren ó poder aguantar temperaturas máis baixas que as abellas. Para iso, o panal ten que gozar de boa saúde e non terlle 'collido medo' ás avespas.
-As 'teorías de conspiración' debido ós 'saltos de asentamento' observados ó irse a establecer en Galicia: así, podería ser unha proba para eliminar outros insectos, que tivo como consecuencias a xa coñecida invasión...
-O concello vai crear un protocolo de actuación, e dispoñer de teléfonos de atención específicos para a velutina.
-Os Abelleriros poñeránse en contacto cons colexios para difundir.
-Hai xente que está a usar escuma de poliuretano (o poliuretano expandido invade os niños e mata ás abvespas) na entrada dos niños para inactivalos.
-Os niños descóbrense mellor entre a follaxe á mañá ou á tarde, cando o vento move as follas das árbores mentras eles permanecen quedos.
-O son que produce a atracción das velutinas ós panais parece ser o correspondente á saída das abellas do enxame.

1 comentario:

tonvafe dixo...

Unha perfecta explicación como sempre. Grazas Antonio, saúdos.

A.Valea