Comezando a historia da Banda Municipal de Ribadeo
A banda naceu… Non, hai que comezar antes: a banda municipal de
Ribadeo tivo un caldo de cultivo e uns coidados previos. En Ribadeo
había tradición musical, e ó longo do século XX diversas
iniciativas foron relevándose de xeito que a finais dos oitenta
quedaba unha agrupación xa daquela de longa tradición, a Coral
Polifónica, mentres se sucedían grupos musicais diversos. Foi ese o
caldo de cultivo no que se comezou a pensar nunha banda de música
para Ribadeo, algo do que a vila carecía dende uns trinta anos
antes. O impulso que marcou o comezo do camiño foi o xuntar forzas
de Víctor Manuel Sanjurjo (Choupín), e Evaristo Lombardero, no
1988, que atraeron outras persoas, Ana María Rodríguez (Ani), José
Loredo (Pepe da Caixa), Toni Deaño, Carlos Díaz e eu mesmo para
facer unha xestora. A xestora sacou adiante uns estatutos, e, ó
tempo, fóronse inscribindo un xerme de socios. O torrente
desbordante do Choupo, un proxecto consistente e unha ilusión
contaxiosa facían medrar, día a día, a idea.
Logotipo usado na web de Amadores |
Botou a andar a sociedade de Amadores da Música, e o primeiro foi
procurar unha persoa que puidera levar adiante a formación musical,
que se considerou básica para chegar a bo porto, e logo dirixir a
banda. Así se chegou a unha persoa que tiña un proxecto persoal que
ía como anel o dedo ó proxecto nacente. Hernán Naval chegou a
Ribadeo e o primeiro que fixo foi clarificar o proxecto común na
súa parte musical: a banda, finalidade de Amadores da Música pero ó
tempo con vida propia. Era o ano 1989. Tres anos foi a cifra básica
marcada nun primeiro momento para formar a agrupación e comezar as
actuacións. E, co comezo do curso académico 1989-90, deu comezo a
formación musical. O pequeno grupo de xente que se apuntou á
academia de musica destacaba por ilusión, por ganas, por traballo,
pero sobre todo polo ambiente que se formou.
O 9 de xullo de 1991, Amadores, en asemblea, puxo data para o
nacemento da banda, programando con tempo, de xeito natural. Así, o
25 de xaneiro de 1992, con antelación ó previsto, a banda tivo o
seu concerto inaugural abríndose ó mundo cos compases da Marcha
Militar nº 1, Op. 51 de F. Schubert. A segunda obra, Airiños,
aires!, foi xa unha alegoría para os músicos, que despois do Coro
de peregrinos do Tannhäuser encamiñaron o fin do concerto
sentíndose participantes da historia musical de Ribadeo.
Dende aquela, as diversas actuacións (xa 100 en Melide o 19 de
agosto do 1995) foron deixando o seu aporte na historia da
agrupación, das persoas que a teñen integrado, da sociedade que a
apoia e do público que as goza.
A día de hoxe, a banda xa hai longo tempo que cumpriu a súa maioría
de idade… e segue a facer historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario