20160317

Mercadona, enfocando a solución

Xa hai tempo que se ven falando en Ribadeo da instalación dunha nova grande superficie da empresa Mercadona na zona de Vilar. Onte viuse confirmada a nova cunha nova de prensa do concello.
A área que se ve no Open Street Map corresponde á zona comercial do Vilar, onde xa hai un Eroski (con Bricoking, gasolineira, acceso e aparcamento, 30 000 m2), Bricoking, Lidl, Decathlon, Mercal, estación de servizo (este conxunto, xunto con aparcamento, 12 000 m2) e, preto da zona principal, dous establecementos comerciais 'chinos', un dos que sería o que ocupa a zona onde irá o novo centro comercial (8900 m2; collerán algunha terra de atrás para aparcamento?) mentras se despraza o comercio un pouco máis ás aforas, pegado a outra zona con naves industriais na actualidade.
Fala a nota de prensa de dous millóns de euros de inversión, e un depósito de 70 000 euros por licenza de obras. Elude o falar o desprazamento cara ó exterior do centro urbano do peso comercial, e máis aínda de que o novo establecemento aínda está máis lonxe que os anteriores dese centro. Aposta por o mantemento e acrecentamento de Ribadeo como centro comercial, polo financiamento por parte da empresa da reforma e ampliación de vías para o tráfico rodado e facilitar a circulación de vehículos na zona, e cita a recepción de currículos para o emprego no concello (a lembrar que a obra ten un prazo de execución de tres anos aínda, pero xa se recibiron varios centenares) como un erro sucedido a partir de certas novas que se estenderon polo pobo.
Un pouco en resume: algo máis de traballo tipo de baixa remuneración e afastamento do comercio do pobo. Que poda atraerse á xente cara a Ribadeo a partir do uso do novo centro comercial, está por ver, a tres anos vista, igual tempo que tardarán en verse os novos empregos de vendedores. Mentres, haberá emprego na construción. O mapa que vai anexo neste artigo terá variacións (xa a día de hoxe está incompleto non presentando, por exemplo, o local que ocupa o establecemento actual rexido por chinos e que antes aínda era unha tenda viveiro de xardinería). A paralela á Avenida ría de Ribadeo cambiará abondo para adaptarse a un maior tráfico de saída do establecemento. Polo momento non se fala de facilitar o paso peonil entre o centro urbán e a zona comercial, algo que se leva pedindo dende hai tempo; pero claro, a maioría de xente vai en coche, co sistema que hai actualmente e que non se pensa en contribuír a variar.
A nota de prensa presenta un carácter lixeiramente triunfalista e moi conformista. Algo que vai cos tempos que que non é doado cambiar para contemplar outra visión de futuro. Mais algo que é convinte lembrar, como que cando se titularizou como dependente do concello o tramo de estrada entre a rotonda da autovía e a Vilavella, o primeiro que se fixo foi unha rotonda -que antes non podía ser- para permitir a ampliación da zona comercial. Pequenos cambios/grandes cambios que manteñen unha visión de futuro sobre a que non se fala, senón que se sinxelamente se acata.

Ningún comentario: