1.-Entendo que arriar a bandeira é unha acción ilegal, por moito que é difícil que traia consecuencias legais (xusto ó revés do que pasa con outras cousas que fan as persoas ou agrupacións que poden resultar molestas para algunha xente con poder abondo) co que, en certo sentido, Ribadeo estaría nunha categoría semellante a outros concellos noutros lugares que desafían a lei que lles rexe. Por outra parte, dada a postura do goberno español e a indefinición do galego (que eu saiba) sobre o tema, non sei se non habería que aplicar o mesmo criterio ás tres bandeiras con resultados semellantes para todas elas.
2.-Onte mesmo colguei unha entrada chamando a manifestarse no mesmo sentido, sen máis comentario. Coido que iso indica 'de que parte estou', para que ninguén se chame a engano, a propaganda disfrazada ou cousas semellantes.
E agora si, a Nota de Prensa:
"
EN SINAL DE PROTESTA E DE CHAMADA DE ATENCIÓN
Bandeira da UE
16/03/2016
O Concello arría a bandeira da Unión Europea en repulsa polo trato inhumano que están a recibir @s refuxiad@s
Desde o Concello de Ribadeo "queremos manifestar a nosa total
repulsa ao trato inhumano que están a recibir os refuxiados e refuxiadas
que foxen do seu país por mor da guerra. É unha mágoa que, despois de
ter amosado tantas e tantas veces as imaxes dos campos de concentración
nazis para condenar a barbarie do século XX, desde as institucións
europeas se agoche agora a mirada e se queira botar man de terceiros
para que fagan o traballo sucio levando a cabo políticas ilegais e
inmorais como é a deportación masiva de refuxiados". "Atropelar con tanto cinismo os dereitos humanos e converter en borralla a Carta Internacional dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas merece unha resposta clara e serea pero tamén ben visible: como sinal de protesta e de chamada de atención para espertar as conciencias dos políticos, tecnócratas e burócratas que toman decisións tan graves, imos arriar a bandeira da UE do noso Concello como xesto simbólico por esta vergoñenta falta de actuación diante deste drama", conclúen desde o Concello ribadense.
Está claro? Coido, para rematar, que cabe preguntarse ata que punto estamos dispostos a defender a nosa postura no tema.
Ningún comentario:
Publicar un comentario