20160429

A economía (nova) de Ribadeo? de que falas?

Ribadeo está desindustrializado. Quen o industrializará? O industrializador que o industrialice bo industrializador será. Non é un bo trabalinguas, mais podería significar algo abondo consoante co que moita xente pensa. Chocaría isto coa deriva cara ós servizos que, sen ser planificada nin coordinada, ten tomado Ribadeo? Como polo momento non e previsible que ocorra, só é unha pregunta retórica...
Ribadeo non ten industria e xa non ten construción. Si ten servicios. Hostalería, si, pero tamén outros 'máis modernos', dende servicios no sector audiovisual a servizos de deseño, no sector da enxeñaría ou informática, traballo a distancia, organizador turístico, blogger... atomizados e invisibles, levados a cabo non tanto por sociedades como de xeito individual, non tanto en locais con rótulo anunciador para a xente que pasa pola rúa como noutros sen unha referencia local, pero visible telemáticamente na outra punta da Terra... Cantos? Máis dos que parece pola súa invisibilidade local e menos dos que podería de ser apoiados.
Aínda hai poucos anos, o 'plan E' de dinamización recibía por parte de Ribadeo peticións centradas en asfaltar e reasfaltar. E quedamos nunha esquina do territorio, ó tempo sen un sistema adecuado de comunicación viaria no que se poda prescindir do coche particular, con servizos de internet lentos, sen foros de intercambio operativos, viveiros de empresas ou coworking-espazos de traballo coooperativo. Mentres, por unha sinxela razón de desprazamento por estudos, a xente nova máis formada, que tería aí un nicho natural de traballo, desconecta de xeito doado de Ribadeo. E, se volve, moitas veces é por falta de competitividade propia nun mercado de emprego draconiano, de creación de antitraballo no que son 'carne de cañón'.
Cantón e Pazo de Ibáñez, pousados na terra.

A potenciación dunha nova economía non está na axenda, aínda que esta vaia xurdindo a pesar de todo. Supón algo máis que cursiños de informática para empresa ou conseguir subvención para facer carteis de actividades. 'Colaborar ou morrer', unha sentenza que é ó tempo unha nova vella, máxima a ter en conta dende que a humanidade é, non está de moda de xeito oficial. E debera. O resultado nótase no emprego ou nunha economía dependente cada vez máis dun sector que é potenciado en ausencia doutras posibilidades de apoio.

Ningún comentario: