Onte, 28 de abril
celebrouse en Vegadeo a primeira xuntanza de constitución do Foro Social
de participación da Reserva da Biosfera "Eo, Oscos e Terras de Burón",
con presencia do D. X. de Recursos Naturais do Principado de Asturias, a
Da. X de Medio Ambiente
da Xunta de Galicia, os codirectores da reserva por Asturias e Galicia,
a maioría dos alcaldes e representantes de sectores e movementos
sociais. Como punto principal quedou constituído o Foro e presentouse o
Plan de Xestión da Reserva que de seguido deberá
ser sometido a un período de exposición e presentación de alegacións
previo á sua aprobación definitiva. No apartado de Rogos e preguntas, a
Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo presentou duas propostas "in
voce". A primeira propoñía que a Reserva se
dirixise ao Ministerio de Fomento, Autoridade Portuaria e Concello de
Ribadeo (que non enviou representación) para que quedase en suspenso o
proxecto de construír un hotel na Illa pancha por ser contrario aos
obxectivos e directrices da reserva, ademais de
a Illa Pancha formar parte dunha zona "nucleo", onde se aconsella
extremar as medidas de protección. A segunda propoñía a creación dun
grupo de traballo para a recuperación da cultura do castiñeiro
(plantación, enfermidades, enxerto, cultivo, variedades, etc)
nos concellos incluídos na reserva. Non se tomou ningún acordo por non
ser o intre acaído, pero as dúas propostas tiveron moi boa acollida e
varias intervencións favorabeis sen nengunha en contra.
Plataforma pola defensa da Ría de Ribadeo
Ningún comentario:
Publicar un comentario