20160404

Pequena crónica de algo desaproveitado

O 31 de marzo (isto é, xoves), apareceu na web do concello unha nota, "obradoiro sobre a paisaxe", na que refería que menos de 48 horas despois (sábado á mañá), habería un 'obradoiro':
"

Novas



Foto paisaxe 2

SERÁ NA AULA CEMIT A PARTIR DAS 11 HORAS

Obradoiro sobre a paisaxe

31/03/2016
Ribadeo acollerá o vindeiro sábado, 2 de abril, un Obradoiro de participación cidadá para a definición das directrices da paisaxe de Galicia, referido á Grande Área Paisaxística da Mariña-Baixo Eo. Os Concellos convocados a participar nesta xornada por parte do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia son: Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Ribadeo.
Segundo explican os propios organizadores "trátase de xornadas abertas á cidadanía, a asistencia é libre". E lembran que "nunha fase previa, contando tamén coa participación cidadá, elaborouse o Catálogo de Paisaxes de Galicia, que deu como resultado un documento de carácter técnico que aborda a primeira etapa da planificación da paisaxe, consistente na súa análise e diagnose. Ese documento está en exposición pública para a presentación de alegacións".
O obradoiro sobre a Grande Área Paisaxística da Mariña-Baixo Eo e Comarca Paisaxística Mariña-Baixo Eo Litoral terá lugar este sábado a partir das 11 da mañá na Aula CeMIT, situada na Casa da Xuventude.
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio, celebra 50 talleres destas características en toda Galicia. Os asistentes "poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, as súas preferencias en canto a características paisaxísticas da súa contorna, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe".
As persoas interesadas en asistir a este taller poden inscribirse nos seguintes teléfonos: 981 54 17 55 e 981 54 17 56 ou na seguinte dirección de correo electrónico: secretaria.iet@xunta.es
"
Como se ve, estamos nunha 'grande área paisaxística'  e tratábase de que a cidadanía participase, con referencia ó Catálogo de paisaxes. Tratábase de expresar 'aspiracións' e 'opinións' e o concello era pouco máis que un mero divulgador do tema.
Teño que aclarar que non fun a este nin ós outros 49 'obradoiros' do Instituto de Estudos do territorio. É dicir, falo polo que me dixeron -e tamén pola impresión previa da convocatoria-.
De novo se puido asistir a unha delegación (por chamalo de xeito fino e non privatización). Non funcionarios, non políticos, senón contratados dunha empresa privada, en plan intermediario.
En que consistiu? Nunha presentación (ao que parece, non dunha especial calidade nin por contido nin por desenvolvemento) na que fallou internet -responsable: o concello, quen prestou as instalacións- e non había moito paliativo -responsable: a empresa contratada-.
Que material se presentou? Unha folla con paisaxes da comarca... da zona de Mondoñedo. Unha pequena confusión da extensión das 'Terras de Miranda'?
O concello difundiu a convocatoria, mais non había ninguén representándoo (non sei se porque xa sabían de que ía a cousa, sabían do desastre que se presentaba ou sinxelamente non había interese) a máis da presenza institucional da inauguración do acto, que permitiu que o alcalde estivera uns dez minutos ó comezo do mesmo.
Participación? O básico, unha enquisa 'do tipo ¿que prefires a paisaxe de eucaliptos ou de castañeiras?'
Iso si, será pasado un informe á Xunta. Dubido que o informe inclúa que a xente foi marchando...
O Plan de Protección do Litoral, o Plan Director de Rede Natura? Que? Por certo, se alguén logra entrar na páxina https://sixot.es/Paisaxe/Directrices que avise (de xeito directo ou despois de procurar nun buscador 'Catálogo de paisaxes')... ó mellor alí atópase algo máis valioso. Polo momento, coido que hai que conformarse con outra páxina á que me quería referir dende hai tempo, do Ministerio, non da Xunta, e que por algo interesenate, ten fichas de praias, como esta de Esteiro: http://sig.magrama.es/93/ClienteWS/Guia-Playas/default.aspx?nombre=PLAYAS&claves=DGC.PLAYAS.PLY_CO_PLAYA&valores=1910
--
Nota posterior: o Luns 20160404, a partir das 14h parece estar operativo https://sixot.es/Paisaxe/Directrices.

Ningún comentario: